Salnés, o sal da Galiza

Galiza ten uns mil douscentos quilómetros de costa. E unha enorme tradición pesqueira, suxeita a altos e baixos ao longo da historia.

Salinas de Janubio (Foto: P. Portillo)
photo_camera Salinas de Janubio (Foto: P. Portillo)


Temos constancia da importancia do subministro de peixe salgado desde Galiza durante toda a Idade Media, quer cara á Península quer cara á Europa do norte, e tamén cara ao Mediterráneo oriental. Aprovisionarse de sal para tratar a pesca, cando a salgadura era o único método de conservación, foi un obxectivo prioritario desde a antigüidade. Mais de onde proviña o sal? Houbo salinas na Galiza?

Se nos guiamos, como vimos facendo en textos anteriores, pola toponimia, houbo. Se nos guiamos pola documentación, tamén.

Territorio saliniense

Pola importancia, por non dicir dependencia, do sal foron moitas as salinas que se explotaron nas costas galegas. Algunhas están documentadas xa desde o século VI, foron o complemento necesario na consolidación da actividade pesqueira nas costas galegas, tamén da salga de carnes no interior, e foron tantas que mesmo deron nome á península do Salnés.

Sabemos que o rei Ordoño II ofreceu ao Arcebispado de Santiago as salinas de Noalla e do Grove, as dúas no areal da Lanzada, doazón que confirma a feita anteriormente por Afonso III. En documentos do século X cítase a illa de Cortegada, na foz do Ulla, como “saliniense” e a insua do Grove aparece localizada nun “territorio saliniense”. Se imos para o século XII topamos referencias ás salinas da illa de Arousa. 

Saíñas e alfolís

Dúas son as formas que aluden, basicamente, á actividade extractiva de sal na costa galega. Unha é As Saíñas, a outra o Salnés.

Se hai algo que conserve a memoria do pasado, mesmo moito para alén da presenza da documentación escrita, é a toponimia. Os nomes que a terra leva son sen dúbida a mellor crónica do pasado, da actividade humana en calquera das súas faces, económica ou espiritual. Vimos nalgún texto anteriormente publicado como, por exemplo, a presenza de topónimos relacionados coa oliveira nos abría camiños para establecermos ligazóns coa produción de aceite. O mesmo sucede coa extracción de sal.

Dúas son as formas que aluden, basicamente, á actividade extractiva de sal na costa galega. Unha é As Saíñas. Presente en toda a zona costeira desde Barreiros a Cedeira, pasando por Carballo, Ribeira ou Vigo temos os topónimos As Saíñas. A outra é O Salnés, territorio hoxe ben máis coñecido pola produción de viño do que de sal.

Sabemos que desde tempos dos romanos se procedía á evaporación de auga de mar para obter sal (No Centro Arqueolóxico Salinae, de Vigo, temos a única salina romana de evaporación hoxe conservada) pero especialmente na idade media, abundan as salinas na costa galega, sobre todo pola parte da Lanzada. E que no Parochiale Suevorum (século VI) se fala da comarca “ Saliniense” en alusión ao Salnés. Tamén sabemos que os mosteiros galegos son propietarios de salinas nas costas portuguesas e de levante, ou cando non o son importan sal delas. Por iso Sarmiento escribe: “No han de creer los venideros lo que con la sal pasa en este Reino, que teniendo más de 150 leguas de costas de océano y con mil sitios para salinas, le venga y necesite venir la sal de países extraños”.

Cando isto escribe Sarmiento xa había tempo que a produción de sal na Galiza esmorecera. Foi por volta do século XIV, coa implantación dos alfolís e o sistema de monopolio no comercio e distribución de sal. Monopolio real que primaba outras latitudes. Aínda así, no século XVIII, faise unha forte inversión para recuperar as salinas de Noalla para a coroa “por ser ilegítimos los títulos de quienes las explotan”. Foron 200.000 reais os investidos para mellorar a produción, cifrada en 20.000 fanegas anuais (o equivalente, aproximadamente a 1200 toneladas). Debemos ter en conta que a cantidade necesaria “para cura de pescado” se establece en 195.000 fanegas ano, co cal só as salinas de Noalla abastecerían o dez por cento do mercado de salgadura de peixe.

Galiza era, a pesar dos quilómetros de costa, deficitaria en sal, mais o sistema de estanco, que facía difícil a produción de sal fora do control da coroa, foi tamén un impedimento para o establecemento de salinas na costa galega, e temos abundantes peticións administrativas para a concesión de salinas sempre denegadas alegando que as condicións climáticas de Galiza non permitía o establecemento de tais sistemas de produción.

Facer salinas

Se a toponimia confirma a presenza de salinas, a documentación tamén. En 1326, o bispo de Mondoñedo recibe licenza para “facer salinas en el herdamento de la Iglesia, alii do entenderen que llas meior poden facer el et elos outros Obispos que foren despois de el, et que llas aian estas salinas libremente para en todo tempo”.

Desde o século XVI o sal está estancado, isto é, nacionalizado, ou mellor, dependente da coroa,  e así continuará até finais do século XIX.

En febreiro de 1452, nun extensísimo documento, o rei Juan II establece as condicións para a renda do sal nos alfolís de Tui, Baiona, Pontevedra, Padrón, Noia, Muros, A Coruña e Betanzos. E tamén nas terras de Navía e Ribadeo. Fixa así mesmo os criterios de importación: “ninguno ni algunos no sean osados de traer sal de fuera de los dichos alfolís por mar ni por tierra ni lo descargar ....sin licencia de los dichos arrendadores”. O rei arrenda o “sal que a mi pertenesce en el dicho Reyno de Galicia e os arrendadores deben vixiar que non chegue sal de contrabando. As sancións, de seren collidos, poden levar a “perder la sal e los navíos e bestias en que la truxere”.

Desde o século XVI o sal está estancado, isto é, nacionalizado, ou mellor, dependente da coroa,  e así continuará até finais do século XIX. Tamén mudan as técnicas da industria conserveira, menos dependente do sal. 

A Costa do Sal

Das antigas salinas non quedan restos visíbeis. Só a toponimia aínda as lembra. Como anécdota, e para sumar máis unha explicación á orixe do topónimo A Costa do Sal, cabe lembrar que no 1760 as sete cidades galegas propuxeron, para costear a construción do camiño real da Coruña a Madrid,  un arbitrio de un maravedí por cada “azume” de viño. O arbitrio estabeleceríase finalmente no 1761, mais non sobre o viño senón sobre o sal e a razón de dous reais por fanega. 

A entrada á Coruña dende Lugo e Betanzos, segundo o proxecto do francés Carlos Lemaur, sufragada co imposto sobre o sal, segue a ser coñecida hoxe como A Costa do Sal. 

As salinas desapareceron e hoxe consumimos sal do Himalaia mais, como di Sés, aínda seguimos aquí, “a aturar tempestades de sal” . Tomemos alento “para ver o momento de nos libertar”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios