Estilos musicais diversos encherán o Teatro Colón este domingo

Os premios Narf reúnen na Coruña Noar, Mallou e Madalena Gamalho

A final do Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña decorrerá o domingo, 11 de decembro, no Teatro Colón da Coruña. Nesta XIV edición os finalistas escollidos dun certame que busca tanto valorizar a música galega e en galego como homenaxear Narf resultaron ser os grupos Noar, Mallou e Madalena Gamalho.
Sabela Rey, de Mallou; Madalena Gamalho e Rubén Fernández, de Noar son os finalistas da XIV edición do Concurso Fran Pérez 'Narf'.
photo_camera Sabela Rey, de Mallou; Madalena Gamalho e Rubén Fernández, de Noar son os finalistas da XIV edición do Concurso Fran Pérez 'Narf'. (Foto: Deputación da Coruña)

A final do Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña decorrerá o vindeiro domingo no Teatro Colón da Coruña. 

Este concurso nace no ano 2008 co obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura do músico e compositor Fran Pérez 'Narf'.

En declaracións a Nós Diario, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña e integrante do xurado desta edición, Xurxo Couto, resalta que estes premios "son un escaparate para a música en galego e feita na Galiza, algo do que Fran Pérez era un referente". "Queremos homenaxear este 'artistazo' que era 'Narf' e seguir co seu exemplo, que se faga música en galego, música desde a Galiza e con calidade", destaca o responsábel de Cultura. 

Nesta XIV edición o xurado, composto por profesionais culturais e musicais, escolleu como finalistas os grupos Noar, Mallou e Madalena Gamalho.

A banda que resulte elixida na gala do domingo sumarase a gañadores de edicións anteriores como son MounQup, Bala, Mileth ou Familia Caamagno, entre outros, todos eles de estilos musicais diversos. De feito, para Iago Marta, integrante do grupo Noar xunto con Rubén Fernández, é importante que "o premio recoñeza a variedade de estilos que se fan no país", di en declaracións a Nós Diario. Noar é un proxecto que o xurado deste certame salientou como unha "proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal".

Madalena Gamalho, vocalista e compositora que destaca, segundo os xuíces "pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta", confesa en conversa con Nós Diario que "xa só ser finalista [a este premio] é motivo de satisfacción". Gamalho desenvolve un proxecto que integra letras e melodías que reciben influencias "de pop, rock, funk e world music".

Pola súa parte, o grupo Mallou traen á música galega a través desta edición dos premios 'Narf' notas de blues, country e soul. Sabela Rey e Benxamín Vázquez achegan un repertorio que mestura cancións que forman parte do ideario musical galego con composicións propias, representando a maneira de crear de referentes como 'Narf'.

Os artistas escollidos nesta edición coinciden no "orgullo" que supón que "un xurado formado por profesionais recoñeza o traballo feito", en palabras de Gamalho, e na "ilusión" de participar "nun concurso moi especial no que lembrar ao noso querido 'Narf'", como recollen Mallou nas súas redes sociais. 

Seis anos despois do seu pasamento, 'Narf' segue a estar moi presente na edición que escolle o seu gañador este domingo coa intervención musical dos que foron compañeiros de viaxe artística de Fran Pérez, Pepe Sendón e Suso Alongo, que interpretarán un tema dedicado a el. 

No evento actuarán tamén as tres bandas finalistas e o grupo convidado, Berto, nun evento que estará conducido polo xornalista Luís Pardo. 

Seguindo a estela de 'Narf', o Teatro Colón da Coruña encherase da gran variedade de estilos da música galega actual.

A figura de Fran Pérez 'Narf' perdura no tempo

Fran Pérez 'Narf' foi un cantante e compositor galego que destacou pola súa forte personalidade e pola orixinalidade da súa obra. Tal foi a importancia do seu traballo que a súa morte en 2016 causou un grande impacto na comunidade cultural, recibindo numerosas homenaxes póstumas, incluído o concurso organizado pola Deputación da Coruña, que recibe desde o ano 2017 o nome do artista silledense. 

Comentarios