Os Premios Narf quecen motores cunha xornada formativa para artistas musicais

A gala final do Concurso Fran Pérez 'Narf' poderá ser seguida o vindeiro 11 de decembro a través da canle de YouTube da área de Cultura da Deputación da Coruña, e será presentada polo xornalista Luís Pardo.
As tres propostas finalistas nos Premios Narf: Madalena Gamalho, Mallou e Noar. (Fotos: Komunika Kultura)
photo_camera As tres propostas finalistas nos Premios Narf: Madalena Gamalho, Mallou e Noar. (Fotos: Komunika Kultura)

A sala Juanjo Gallo da sede da Deputación da Coruña acollerá este sábado, 19 de novembro, unha xornada formativa para artistas musicais. O evento decorrerá ao abeiro da programación de actividades previas á gala final do Concurso Fran Pérez 'Narf', impulsado pola institución e que decorrerá o vindeiro 11 de decembro no Teatro Colón da Coruña.

Tres sesións maxistrais

En total serán tres as sesións maxistrais que se desenvolverán na xornada formativa deste sábado. A primeira delas, baixo o título 'Leva o teu proxecto máis alá', correrá a cargo da experta en comunicación cultural Andrea Villa, con experiencia en festivais como o Revenidas e o SonRías Baixas, ademais de traballar coas Tanxugueiras ou con LaMontagne & PicoAmperio.

A segunda sesión maxistral, 'Coida os teus dereitos', será impartida pola avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual Ania González. Finalmente, a terceira das sesións da xornada formativa, que tratará sobre as "claves para unha carreira musical a longo prazo", será dirixida polo director executivo de PlayPlan, Jordi Lauren, vinculado coas Tanxugueiras e co festival SonRías Baixas, entre outros proxectos da industria musical.

Gala final do Concurso Fran Pérez 'Narf'

A gala final do Concurso Fran Pérez 'Narf' poderá ser seguida a través da canle de YouTube da área de Cultura da Deputación da Coruña, e será presentada polo xornalista Luís Pardo.

O certame ten como principal obxectivo apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico e compositor que lle dá nome ao concurso, falecido en 2016. Entre as bandas gañadoras nas anteriores edicións destacan Mounqup, Bala e Familia Caamagno.

Este ano, as tres agrupacións  e artistas musicais que participarán son Mallou, un proxecto de Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez que mestura estilos musicais que van desde o country, blues e soul até a música galega; Noar, unha banda formada en 2019 por Iago Marta e Rubén Fernández; e a vocalista e compositora Madalena Gamalho, que está a presentar o seu primeiro albúm, Invento.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo -tamén xestora cultural-; e a mánager e xestora cultural Inés Portela.

Comentarios