martes 07/12/21

Peña: "Probamos moitas sonoridades, até atopar o que lle convén a cada canción e sempre sen límites"

O grupo Peña vén de ser distinguido como gañador da V edición do Concurso Narf de grupos musicais. Logo de presentar hai pouco máis dun ano o EP Fórmula, o trío, conformado por Elena Vázquez, Rubén Abad e Toño Magariños, vén de estrear en abril o seu primeiro álbum baixo o título Carreiro. Falamos con Toño Magariños. 
Peña
Elena Vázquez, Toño Magariños e Rubén Abad; Peña.

O domingo fixéronse co premio do V Concurso Narf de grupos musicais. Como recibiron este recoñecemento?

Ben, con algo de sorpresa, porque o nivel dos participantes era alto e había propostas moi variadas, todas tiñan cousas interesantes. Para nós foi un pouco sorprendente, non pensabamos que puidésemos gañar. Faciamos apostas, pero tampouco como primeiros. Recibímolo con moita alegría e sempre está ben que te recoñezan. Sabemos que tampouco quere dicir nada, xa que é unha cuestión moi concreta, mais agradécese e estamos moi contentos.

Cando xorde este proxecto musical?

Nós persoalmente xa nos coñecemos desde hai 10 ou 12 anos. Participabamos nalgún proxecto colectivo, como a orquestra da Metamovida, e tamén tiñamos outras iniciativas das que formabamos parte. Peña como proxecto de  banda xorde hai 5 ou 6 anos, pero comezamos a editar recentemente. Nós constituímonos como banda e fomos probando e buscando o noso son e a nosa idea do que queriamos facer. Cando o tivemos claro, foi cando decidimos lanzarnos a editar. 

Nós somos un grupo de pop de cancións clásicas

Despois do EP 'Fórmula', saíu recentemente o primeiro álbum da banda, 'Carreiro'. Que podemos atopar neles?  

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Até o momento, tanto no EP como no primeiro disco estivemos experimentando moito co espazo. Somos unha banda moi sinxela a nivel de instrumentación e facemos o que podemos cos nosos instrumentos, mais nas gravacións si que nos gusta experimentar moito cos espazos. Mesturar as voces, meter espazos máis grandes con moita instrumentación... Ese era un pouco o obxectivo, conseguir cancións que apchegasen beleza e moito espazo. Foi o que fixemos tanto en Fórmula como no álbum, era a nosa intención. Probar moitas sonoridades até atopar o que lle conviña a cada canción, mais sempre sen limitacións. 

Nós exploramos moito e no disco tivemos máis tempo para facelo. Por desgraza coincidiu co confinamento, pero por outra parte favoreceu o proxecto, porque nos permitiu experimentar, facer probas... Buscar e buscar ata que o resultado nos gustou a todos. É un traballo que xorde da experimentación e de probar cousas e ten unha liña de continuidade co EP, quizais máis profunda e máis desenvolvida.

Percibo que hai máis música en galego e mellor, de máis calidade, de estilos máis variados..

En que estilo diría que se asenta Peña?

Nós somos un grupo de pop de cancións clásicas, nunha onda acústica que pode lembrar a sonoridades doutras décadas, como os 70 ou os 80. É música acústica que busca facer cancións atractivas e pouco máis, realmente tampouco considero que sexamos unha banda moi innovadora. Buscamos facer cancións bonitas dentro da experimentación, partindo do que nós temos e vendo ata onde podemos chegar.

Cal cre que é a situación actual do panorama musical galego?

Eu si que percibo que hai máis música en galego e mellor, de máis calidade, de estilos máis variados... Estamos contentos de que haxa máis música en galego e agora tamén parece que goza dunha proxección maior fóra da Galiza sen ser unha parodia, con toda a normalidade de expresarte na túa lingua propia. Isto é algo que, noutros territorios, está totalmente asumido e é algo natural. En Cataluña, moitas bandas exprésanse en catalán e traballan tanto dentro como fóra do seu territorio con total normalidade. Aí é a onde temos que dirixirnos.  

Dende o noso punto de vista, facémolo coa intención de facer máis e mellor. É dicir, nós queremos que haxa máis música en galego, entón facémola. Non excluímos outras opcións, pero estamos camiñando cara a iso. De todos os xeitos, tampouco nos limitamos á hora de empregar linguas. 

Peña: "Probamos moitas sonoridades, até atopar o que lle convén a cada canción e sempre...
comentarios