Os Premios Martin Códax da Música ábrense ao público
Os 11º Premios Martín Códax da Música abren o seu proceso ao público xeral na segunda fase das votacións. Esta é a gran novidade da edición 2024, presentada na mañá de onte na Sala Sónar de Santiago de Compostela, e coa que Músicas ao Vivo abraza a segunda década de vida dos premios da música galega.
Cun sistema de baremación para o reconto final, o público poderá sumar as súas escollas ás feitas polas socias e socios de Músicas ao Vivo.
No acto de presentación participaron, xunta a Músicas ao Vivo, Jorge Pallarés, director de Márketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax, Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente e Mar na Deputación de Pontevedra, Eva Vilaverde, tenente alcalde do Concello de Pontevedra, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais.
Tal como explicaron a súa presidenta, Sheila Patricia, e o vicepresidente, Xavier Castro, o período de inscricións durará do 19 de febreiro ao 10 de marzo; despois, un xurado profesional decidirá os tres proxectos finalistas por categoría, antes de pasar á segunda fase de votacións e culminar na gala que terá lugar o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Quince categorías
Quince categorías musicais conforman os Premios Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.
Ademais, volve a incluirse a categoría de Artista Emerxente, para potenciar proxectos de nova creación, e os premios Organistrum dirixidos aos “cómplices necesarios do sector”: salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.