Pontevedra móvese polo Museo

A cidadanía de Pontevedra mobílizase contra a supresión do Patronato do Museo que acordou a Deputación. O acto terá lugar o xoves 12 de xullo no Pazo de Mugártegui ás 20,30 horas.

Diante do Pazo de Mugártegui terá lugar o acto aberto a toda a cidadanía de Pontevedra para reclamar a continuidade do seu Museo como organismo autónomo. A Deputación acordou nun pleno celebrado en xuño disolver o organismo co que a entidade cultural perderá a súa autonomía alén de deixar no limbo legal as importantes doazóns de grandes figuras da nosa cultura que foron alí depositadas.

Destacadas personalidades do mundo cultural da cidade intervirán neste acto público, entre elas, o historiador Xosé Fortes, o poeta e editor Sabino Torres ou o filósofo Ramón Regueira. Está prevista tamén a participación de representantes do mundo cultural, social e político como Bernardo López Abadín, Teresa Casal, Salomé Álvarez, Carlos Lino, Mª Xosé López Escudeiro, Eloy Artime, Fernando Filgueira, José Luís Fernández Sieira ou Eladio Portela.

O Concello de Pontevedra anunciou o seu apoio á iniciativa por considerar a eliminación do Museo como organismo autónomo, “un atentado contra a historia, o patrimonio e a identidade cultural da cidade de Pontevedra”. Considera ademais que a decisión da Deputación vai contra “os ideais, o traballo e o compromiso de moitas persoas ao longo da historia que crearon o Museo, que lle deron vida e que deron amplitude de miras á cidade grazas a esta iniciativa”.

Comentarios