Pontevedra acollerá unha Gala Solidaria con Palestina

Baixo o lema 'Cultura contra a barbarie'
Actuación de Pallasos en rebeldía en Palestina, en 2017.
photo_camera Actuación de Pallasos en rebeldía en Palestina, en 2017.

Pallasos en Rebeldía e Culturativa, coa colaboración do Concello de Pontevedra e da asociación Galiza por Palestina, convocan á sociedade galega a xuntarse baixo o lema Cultura contra a barbarie nunha Gala Solidaria para recadar fondos para o pobo palestino, un acto que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra o domingo 12 de novembro, ás 20 horas. 

Melania Cruz, Muerdo, Mercedes Peón, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado subiranse ao escenario para reivindicar un alto ao xenocidio da mellor maneira que saben: coa súa arte. 

Desde a organización entenden "a cultura como altofalante das reivindicación sociais. Este evento supón non só unha gala para recadar fondos, se non unha oportunidade para pór sobre o escenario unha mensaxe de solidaridade e urxencia ante unha situación que afecta a unha poboación enteira". Iván Prado -coordinador de Pallasos en Rebeldía- convida a sociedade galega a sumarse a esta cita "para apoiar o pobo palestino e defender a súa voz fronte ás decisións políticas internacionais". 

Segundo os organizadores, "a situación en Palestina supón unha das maiores vergoñas e fracasos da comunidade internacional das últimas décadas. Cada día súmanse novos crimes de guerra a un exterminio da poboación civil camuflado de intervención bélica. Un masacre que suma milleiros de mortes, moitas delas de cativos e cativas, ante a pasividade e a complicidade de boa parte dos Estados do mundo". 

A Gala é de entrada gratuita con billeteira inversa: ao rematar o evento as asistentes poderán facer as súas doazóns solidarias. 

 

Pallasos en Rebeldía

Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras. Pallasos en Rebeldía está constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que lle fan fronte o que chaman "este sistema global de terror" desde a maxia do Circo; e que apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta desde o universo do Clown. 

Comentarios