Pallasos en Rebeldía volve a Palestina: "O riso é un dereito de todos"

Levarán os seus espectáculos nesta nova xira ás cidades de Xerusalén, Belén, Nablus, Birzeit, Ramallah e Hebrón.
Pallasos en Rebeldía retornou o pasado ano a Palestina após o paro obrigado pola pandemia.
photo_camera Pallasos en Rebeldía retornou o pasado ano a Palestina após o paro obrigado pola pandemia.

A ONG galega Pallasos en Rebeldía, capitaneada polo artista lugués Iván Prado, volve este ano a Palestina para "levar alegría a unha zona que leva máis de 70 anos baixo ocupación". Unha nova edición que, aseguran desde a entidade, "chega cargada de incógnitas e dificultades debido á situación actual neste territorio", por mor do recente agravamento e aumento dos ataques do Exército israelí, "pero que supón unha testemuña de compromiso inquebrantábel de Pallasos en Rebeldía coa humanidade".

Desde esta pasada segunda feira, 11 de setembro, e até a vindeira cuarta feira día 20, varias compañías de teatro, clowns, artistas e voluntariado percorrerán as cidades de Xerusalén, Belén, Nablus, Birzeit, Ramallah e Hebrón "promulgando ilusión e alegría" a modo de protesta pola situación actual do conflito armado.

"Cada actuación e, sobre todo, cada sorriso que esperte un espectáculo suporá un auténtico e valente acto de resistencia", salienta Iván Prado, director do Festiclown. Nesta ocasión viaxarán as compañías de circo Kanbahiota e Circo no Ato, que estiveron recentemente de xira pola Galiza e que destacan "pola calidade das súas propostas e o seu alto compromiso social", subliñan desde a ONG.

Xa o ano pasado, as artistas víronse abocadas a suspender varias actuacións debido aos ataques israelís. E, nesta ocasión, existe no territorio unha situación "aínda máis tensa", advirten desde Pallasos en Rebeldía, ao tempo que matizan que non abandonarán "unha poboación que é exemplo de resistencia e reinvención". "Porque agora, máis que nunca, é o momento de reivindicar que o riso é un dereito de todos e todas", afirman.

Pallasos en Rebeldía vén de estabelecer unha sólida relación con Palestina ao longo dos anos, colaborando estreitamente con organizacións locais e comunidades para "levar o mensaxe do riso e a esperanza en momentos difíciles".

Proba disto é a Rebel Circus School, unha iniciativa vinculada á organización que combina a maxia do circo coa resistencia e a creatividade nun contexto "particularmente desafiante". O seu alumnado, mozos menores de 16 anos, visitaron o Estado español o pasado mes de agosto para continuar formándose nas artes circenses e pór voz e testemuña á situación que están a vivir.

Comentarios