Contracultura

Paula Blanca Rodríguez: "Atopei unha conexión entre a rebeldía evidente e a rebeldía solapada na pintura"

Blanca Paula Rodríguez (Compostela, 1973), licenciada en Dereito e Historia, é a autora do ensaio 'Catro exemplos da ‘arte dexenerada’ galega fóra da España saudábel', onde recolle as confluencias de Maruxa Mallo, Eugenio Granell, Luís Seoane e Manuel Colmeiro e que foi galardoado co Premio Manuel Murguía de Ensaio, outorgado pola Deputación da Coruña.
A mestra de secundaria e docente no Centro Galego de Arte Contemporánea, Paula Blanca Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A mestra de secundaria e docente no Centro Galego de Arte Contemporánea, Paula Blanca Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

—Por que tiña interese en investigar arredor de Mallo, Granell, Seoane e Colmeiro, en concreto?
Foi froito da pura curiosidade. Eu son docente en secundaria e estando no IES de Valga fixemos unha intervención cunha parte do alumnado para recrear un cadro de Maruxa Mallo. A raíz diso comecei a investigar sobre a súa figura, o seu exilio, artistas tamén exiliados cos que tivo relación... Ao final saíu unha investigación coa que non contaba. Decateime de que tiña moitos contactos co ámbito literario, como Rafael Alberti ou Miguel Hernández.

Ela tamén coñecía Granell e era moi admirada por Seoane, e xustamente ambos tiñan unha vertente literaria destacada. Seoane tamén tiña formación en Dereito e pareceume moi interesante esa conexión entre creatividade e rectitude. Por outra parte, tamén me interesaba Colmeiro porque eu o vía como un rebelde agochado, como un pintor que resultaba inofensivo, mais que tiña unha traxectoria vital con moita carga política.

Era como se decidira refuxiarse nunha imaxe da realidade galega idealizada, disociar esa realidade que non lle gustaba da que el tiña en mente. Atopei esa especie de conexión entre a rebeldía evidente e a rebeldía solapada.

—Distintas respostas a un mesmo contexto, non?
Claro. Eu creo que Seoane é moi radical e moi evidente. El é acusador e creo que se lle nota moito a formación xurídica. En Granell está esa visión surrealista e onírica, mais tamén é un home cunhas ideas moi claras e unhas conviccións políticas moi fortes. Maruxa Mallo ten unha vertente máis fantasiosa, de feito as súas amizades chamábana ‘A bruxita’. Tiña un sentido moi estético e inclinado cara á arte. Con todo, tamén foi unha persoa moi implicada politicamente falando.

No caso de Colmeiro, como dicía, el tiña esa rebeldía, mais estaba solapada. A miña impresión é que era un home doce que pretendía enmascarar a rudeza de todo o ambiente que existía coa dozura da súa arte. É moi humano: cando a situación que te rodea non te gusta podes rebelarte ou ben abstraerte e ocuparte do teu. E creo que é tan lexítimo adoptar unha postura política como recoñecer que algo non te gusta e retraerte na túa arte, sen deixar o teu compromiso, mais sen entrar directamente á confrontación. Penso que en Colmeiro hai sobre todo un compromiso coa súa arte e a min iso gústame moito.

—Despois de toda a investigación, que supuxo gañar o Premio Manuel Murguía de Ensaio?
Síntome moi honrada, entre outras cousas porque algúns dos meus mestres en materia de Historia Contemporánea e tamén compañeiros de docencia, como Amancio Liñares ou o profesor Núñez Seixas, tamén o recibiron. Para min ten un significado importante. Tamén destacar que se trata dun ensaio que busca contextualizar e reinterpretar o mundo da arte xunto co mundo da historia.

Penso que aínda que a arte ten un aporte estético importante, tamén é fundamental como documento histórico. Gústame moito que premiaran un ensaio destas características, tan transversal. E precisamente o que máis me entusiasmaría sería compracer ambos sectores, tanto o da historia como o da arte. Que ás persoas que lean este ensaio, vindo dun ou doutro mundo, lles resultase interesante.

Comentarios