'Paraugas literarios' para promover o premio de novela traducida

Arantza Portabales será homenaxeada en Compostela.
Arantza Portabales recibe o premio de novela traducida ao galego (Foto: Editorial Galaxia).
photo_camera Arantza Portabales recibe o premio de novela traducida ao galego (Foto: Editorial Galaxia).

A directiva do Casino de Santiago inaugurou unha iniciativa na que arredor de 30 librarías e comercios de proximidade terán mesturados cos seus produtos libros e "paraugas literarios" para promover a nova edición do premio 'Novela Europea Traducida'. 

A Semana da Novela Europea Traducida" concluirá a vindeira segunda feira, 30 de xaneiro, cun evento no que se fará entrega do galardón que premia obras traducidas a outros idiomas, na modalidade de lingua galega, á escritora Arantza Portabales, polo seu libro Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia). No evento, que terá lugar no Casino, tamén se realizará unha homenaxe á defunta Almudena Grandes, gañadora da modalidade noutra lingua oficial do Estado español.

Esa mesma segunda feira pola mañá celebrarase tamén, no mesmo lugar, o acto de presentación do libro escrito polo xornalista Xesús Ruiz Mantilla, Papel (Galaxia Gutemberg).

Ademais, Mantilla, que era un grande amigo de Almudena Grandes, será o condutor da súa homenaxe pola tarde. 

Comercio de proximidade

A presentación do premio contou coa participación de representantes do comercio local que se mostraron "encantados" de participar na iniciativa do Casino. Libros en lugares "insospeitados" dunha tenda, reparto de 300 paraugas ilustrados coas gañadoras do premio e carteis promocionais serán algúns dos recursos que os case 30 estabelecementos colaboradores realizarán para chamar a atención da súa clientela e promover o premio 'Novela Europea Traducida'. As librarías serán os comercios máis implicados nesta "semana literaria". 

Antón Pedreira (Libraría Pedreira) desexa que se dea a coñecer a "calidade literaria" de Arantza Portabales, en cuxas obras plasma á perfección o "ambiente cultural da cidade de Santiago de Compostela".

Aliás, mostrou o seu desexo de transmitir aos habitantes da cidade o "legado e a traxectoria" de Almudena Grandes.

Comentarios