A pandemia incrementa levemente o hábito de lectura

Un informe do Observatorio da Cultura Galega debulla o impacto da Covid-19 nos consumos culturais. Mentres a lectura medra lixeiramente, as actividades presenciais acusan un descenso brutal.
[Imaxe: B.B.] Lectura, ler, literatura, libro
photo_camera A lectura viu incrementada a intensidade máis que o hábito. (Foto: B.B.)

O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, vén de publicar un informe que debulla como a pandemia afectou as nosas formas de consumir cultura. A investigación refírese ao comportamento e ao gasto cultural da poboación galega maior de 15 anos, cunhas cifras que amosan un incremento lixeiro da lectura. O resto de prácticas mantéñense nos mesmos niveis, agás as artes escénicas, o cinema e os concertos de pago, onde se produce un descenso moi acusado.

É por iso que o gasto cultural caeu fortemente, cunha contracción media de 69,9%. Con todo, como a valoración sobre a cultura da cidadanía galega é moi alta -un 7,9 para a cultura xeral e un 7,87 para a galega en particular- "as expectativas de recuperación son moi positivas", conclúe a entidade, pois tres de cada catro persoas cren que volverán gastar tanto ou máis que antes.

"Influencia da Covid-19 nos hábitos culturais da poboación galega", resultado dunha mostra de 701 entrevistas telefónicas, xa pode consultarse en aberto. O traballo partiu dun coñecemento exhaustivo do contexto grazas a sete informes previos que, entre xullo e decembro, amosaban un incremento das actividades vencelladas ao dixital. Mais desexábase saber que fixo e que ten previsto facer a poboación.

Non presencial

A pandemia deixou tras de si mellores lectores. "A crise sanitaria non afectou tanto á práctica ou non do hábito de lectura como á intensidade coa que se realizou", asegura o estudo, que constata que 23,9% le máis e 10,9% le menos ou deixou de ler.

A xente nova é a que, en maior medida, aumentou a frecuencia, xa que 39,4% le máis ou moito máis ca antes. Son as mulleres as que van á cabeza, pero tamén as que en maior medida deixaron de ler ou o fan con menos frecuencia. Tamén afecta o nivel educativo, dado que canto máis alto é, máis se le. Porén, estas cifras non implican un maior gasto, xa que a compra libros descendeu 17,7%. A cidadanía, en lugar de mercar, tirou de amigos e de descargas gratuítas .

O consumo de medios de comunicación de pagamento e o de prensa mantense practicamente nos mesmos niveis. No caso da prensa, hai unha pequena variación na compra diaria ou de fin de semana baixo subscrición. Se o gasto medio mensual era de 28,4 euros, subiu hoxe aos 29,4 euros.

Curiosamente, o estudo afirma que non houbo un cambio drástico na contratación de plataformas de televisión de pago: "A porcentaxe de novos consumidores (6,8%) compénsase coa dos que o abandonaron (4,1%)". Iso si, quen xa tiña subscrición aproveitou para "facer un maior uso do servizo".

A idade marca diferenzas: as plataformas de Internet son máis populares entre a xente nova e os paquetes audiovisuais entre as persoas de maior idade. Doutra banda, só 25,4% das enquisadas declarou que paga polo consumo de música, o que sobe 5% en relación a antes da pandemia.

Caída drástica nas actividades presenciais

Aquelas actividades que requiren presencialidade son as que sufriron, como era de agardar, os maiores descensos e están a notar unha maior dificultade para recuperarse. A asistencia a concertos estivo especialmente danada, cunha baixada drástica con independencia de que sexan de pago (antes non ía 43,5%, agora 80,7%) ou de balde (antes non ía 23,9%, agora 74,4%). Isto incorre na perda de 863.000 espectadores de concertos de pago. A desconfianza na seguridade é o principal motivo.

Nas artes escénicas o descenso de público foi moi acusado, tanto nos espectáculos gratuítos como nos de pago. Se antes 5 de cada 10 persoas aseguraban non ir nunca a este tipo de espectáculos, agora son 8. Isto tradúcese en 732.000 espectadores menos e unha contracción do gasto medio anual, que pasa de 89,6 a 66,9 euros.

Se antes da pandemia 31,3% da poboación confesaba non ir ao cinema, hoxe vai até 76%: un millón de persoas deixaron de ir. E non é só que se vaia menos, quen mantén o hábito reduce a asistencia. Pola contra, o consumo audiovisual en televisión mantense máis estábel.

A lingua condiciona o interese na cultura galega

Alén doutros parámetros, o estudo constata que a lingua vehicular como "a variábel que marca diferenzas máis importantes" no interese pola cultura galega, de modo que en quen emprega o galego habitualmente mostra é maior (83,5%, fronte a 72,9% de quen se expresa normalmente en castelán).

Por áreas, as artes escénicas, as visitas a museos e exposicións son os produtos que espertan maior interese, mentres a lectura de libros e prensa son as actividades preferidas.

Comentarios