Pablo Romeu é produtor musical

Pablo Romeu: "O meu obxectivo é intentar flutuar entre o maior número de xéneros musicais posíbeis"

Pablo Romeu é un estudante de Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela que comezou este ano a súa carreira dentro do panorama musical galego. Baixo o sobrenome de Rhome, Romeu comezou a experimentar cos xéneros urbanos e latinos. O seu nome púxose no foco cando publicou unha colaboración de maneira conxunta co dúo Verto Temazos. O seu tema, Ambiente, resultou un furor nas redes sociais, e colocou Romeu como outro dos novos artistas galegos que revitalizan o panorama musical.
Pablo Romeu xa colaborou co recoñecido dúo musical Verto Temazos. (Foto: Nós Diario) #pabloromeu #produtor #produtormusical #música #rhome
photo_camera Pablo Romeu xa colaborou co recoñecido dúo musical Verto Temazos. (Foto: Nós Diario)

-Cando comeza a interesarse polo mundo da musica?

Desde pequeno sempre quixen dedicarme á música. Nunca o pensara como unha opción seria porque non fun a ningún conservatorio nin a ningunha escola de música. A medida que crecín, decidín que quería aprender pola miña conta e, a base de mirar titoriais e falar con amizades que entendían do tema, comecei a aprender pouco a pouco sobre produción musical. Isto foi en segundo de carreira. Ao principio só producía bases de hip hop e urbanas moi sinxelas, mais penso que mellorei bastante rápido, porque nesa época metín moitas horas. Acabei tendo un coñecemento avanzado sobre produción musical. Iso serviume para comezar a compor cousas máis elaboradas. A medida que me sentín máis seguro, atrevinme tamén a facer cancións miñas e cantalas eu mesmo. O que fixen foi buscarme a vida para facer algo que me fixese sentir ben. Penso que me foi ben polo de agora.

-Encadraría os temas que compuxo até o de agora nalgún estilo musical en concreto?

Do que teño publicado até o de agora, podería dicirse que reggaeton ou, en xeral, xéneros urbanos. Pero a verdade é que teño varias cousas sen sacar que se poden achegar un pouco máis ao pop ou ao experimental. Gústame moito tocar diversos xéneros, pero estes que che dixen agora son os que tamén escoito de maneira maioritario, xunto ao hip hop estadounidense da vella escola. O meu obxectivo é intentar flutuar entre o maior número de xéneros musicais posíbeis. A medida que teña novas influencias irei cambiando a miña música.

-Cantos temas ten publicados polo de agora?

Co que saíu esta quinta feira, son seis xa os sinxelos que saquei. Estes primeiros temas penso que definen un pouco esta primeira época na que simplemente estou dentro dunha zona de confort na que me divirto moito. Xa comezan a expresar algo maior, pero son sobre todo cancións que buscan divertir e coas que eu o paso moi ben. Diría que son unha primeira base mediante a cal eu me presento, e para que a xente saiba de min de cara a cando máis adiante publique novidades.

-A maioría dos seus temas están escritos en lingua galega. Porén, ten dous en castelán.

A norma que rexe que os temas sexan en galego ou en castelán non é outra que o proceso de creatividade, que me nace nunha ou noutra lingua. Primeiro produzo a música e logo vou improvisando. Estou cómodo nas dúas linguas. Agora o meu público maioritario é galegofalante, sobre todo desde que fixen a colaboración con Verto Temazos. Son consciente da importancia que ten producir arte en lingua galega, e é algo que teño moi en conta, pero non quero producir só música en galego porque a xente o demande. Quero que os meus temas en galego flúan do meu interior.

-Cales son os seus plans de futuro para a súa carreira musical?

Seguir sacando temas sempre que poida. Rematei este ano a carreira en Santiago, e o próximo ano comezo un mestrado en Madrid. Intentarei seguir adiante na música e crecer todo o posíbel. É algo que me enche bastante como persoa, máis alá do que consiga logo a nivel laboral. Sinto a necesidade de dedicarme á música, e até que me aburra seguirei intentando tirar para arriba. Gustaríame producir a unha escala máis profesional. Falar dos temas que me interesan. Podería condensalo en que quero tomarmo máis en serio do que xa mo tomo, que forme parte da vida adulta que comezo a vivir.

Comentarios