Ourense acolle a preestrea da secuela de 'Cuñados'

O Teatro Principal de Ourense acolle esta cuarta feira, 10 de abril, a preestrea da película '+Cuñados', que chegará aos cinemas o próximo día 19. 
Escena de +Cuñados (Foto: +Cuñados).
photo_camera Escena de +Cuñados (Foto: +Cuñados).

O Teatro Principal de Ourense acolle esta cuarta feira, 10 de abril, a preestrea da película +Cuñados, que chegará aos cinemas o próximo día 19. O acto contará coa presenza do elenco e do equipo da película, e de autoridades das institucións implicadas na súa produción.

Esta produción de Portocabo, que conta coa participación da Televisión da Galiza -ademais de RTVE e Movistar+, a Deputación de Ourense, a Denominación de Orixe Ribeiro e a Xunta da Galiza-, dálle continuidade á exitosa comedia Cuñados, a maior estrea na historia do cinema en galego até o momento.

O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual galego, como Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal.

A estas caras sumaranse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá. Nesta secuela de Cuñados, dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do sucedido na primeira película.

A trama

Esta nova aventura dos cuñados arrinca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui e a zona do Ribeiro ten unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película.

Os cuñados teñen un posto de venda de polbo en Ourense para branquear o diñeiro do botín logrado na primeira película e prepáranse para celebrar o Entroido, unhas festas que se complicarán coa aparición de Andreia Nunes.

Comentarios