luns 18/10/21

'Ons', gran triunfadora dos Mestre Mateo con nove galardóns

A illa das mentiras, de Paula Cons, levou cinco premios. Antón Durán 'Morris' e Melania Cruz, resultaron vencedores nas categorías de mellor interpretación protagonista polo seu papel no filme vencedor, dirixido por Alfonso Zarauza.
Lucía Veiga, presentadora da gala e 'De Vacas' xunto a Guillerme Fernández, responsábeis da música en directo.
Lucía Veiga, presentadora da gala e 'De Vacas' xunto a Guillerme Fernández, responsábeis da música en directo.

Ons, de Alfonso Zarauza, logrou nove dos 13 Mestre Mateo aos que aspiraba e converteuse na gran vencedora dos premios do audiovisual galego. A illa das mentiras, de Paula Cons, obtivo cinco dos 12 galardóns aos que optaba. Eran as dúas películas favoritas e ambas as dúas recibiron os parabéns das académicas cos seus votos.

A XIX edición dos premios Mestre Mateo tivo lugar este sábado no Teatro Colón da Coruña, nunha gala presencial, con pacidade limitadas e especiais medidas de seguridade por mor da pandemia, unha das referencias que a organización do evento decidiu obviar durante as dúas horas celebración.

A Covid, fóra da gala

Por se ao público lle pasou desapercibido, a organizacición da gala despediuse coa proxección dunha mensaxe na que se podía ler: "na presente gala, en ningún momento foron pronunciadas pola organización palabras como virus, Covid-19, pandemia, toque de recoller ou confinamento. Tempo haberá de pronuncialas, pero asociadas xa apenas a unha vaga lembranza”.

Pola contra, a gala serviu para gabar o cine galego e o potencial de todo o colectivo profesional dedicado ao audiovisual no país. Mais tamén para pedir axudas para a xente nova, como fixo a Lucía Estévez, gañadora xunto a Miguel Canalejo do premio á mellor serie web por Xan.

A defensa da lingua, dos medios públicos e dun discurso de xénero que afaste definitivamente calquera branquexamento do machismo, en todas as súas formas, reapareceu en varias ocasión.

No momento en que Rodrigo Vázquez, presentador do 'Quen anda aí' da TVG recolleu o premio ao mellor comunicador, ao que tamén optaba, Roberto Vilar. Vázquez avogou por uns medios de calidade e autocríticos para acabar afirmando que "sen lingua non hai país".

Contra a violencia machista

Melania Cuz, gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista, foi a primeira en se refería ao episodio de violencia machista que viviu no programa 'Land Rober Tunai Show'. "Non deamos espazo a situacións que poñen a muller nun lugar de incomodidade, absolutmente innecesarias", afirmou. "Sigamos loitando pola liberdade de expresión todas as que formamos parte da TVG", instou.

Paula Cons, premio á mellor dirección por A illa das mentiras, reclamou maior e mellor formación en xénero. E na mesma liña, antes ca ela, expreseuse Margarita Ledo, premio Mestre Mateo ao mellor documental por Nación.

Nunha "nota ao pé de páxina" para lembrar unha lema de vello que di “o amor romántico mata, citou. "Quero facerme eco de Xornalistas Galegas, da súa toma de posición, do Comité Intercentros da CRTVG, do Consello de Administración e as súas recomendacións aprobadas en plenario o 2 de decembro de 2015 porque temos que dicir: machismo nunca máis na TVG".

Na gala tamén recibiu o premio de honra Fernando Rey do audiovisual galego o actor, dramaturgo e docente Manuel Lourenzo, con máis de 50 anos de traxectoria ás costas.

Palmarés

Esta é a lista completa de vencedores dos Premios Mestre Mateo na súa XIX edición:

Longametraxe: Ons, de Alfonso Zarauza.

Serie de televisión: Néboa, de RTVE e Voz Audiovisual.

Programa de televisión: Cinephilia, de Noveolas Producciones e Telemiño.

Dirección: Paula Cons, por A illa das mentiras.

Interpretación masculina protagonista: Antonio Durán 'Morris', por Ons.

Documental: Nación, de Margarita Ledo.

Dirección de arte: Antonio Pereira, por A illa das mentiras.

Curtametraxe de imaxe real: Xoves de comadres, de Islandia Producciones.

Interpretación feminina protagonista: Melania Cruz, por Ons.

Montaxe: Fernando Alfonsín, por Ons.

Son: Sérgio Silva e David Machado, por Ons.

Dirección de fotografía: Alberte Branco (AEC), por Ons.

Comunicador: Rodrigo Vázquez, por Quen anda aí

Dirección de produción: Tamara Soto, por Ons

Serie web: Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo

Guión: Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, por Ons.

Interpretación feminina de reparto: Marta Lado, por Ons.

Realización: Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares, por Cos pés na terra.

Videoclip: Muinheira de Interior, de Boyanka Kostova.

Vestiario: Eva Camino, por A illa das mentiras.

Curtametraxe de animación: Carne, de Abano Producións.

Anuncio publicitario: Desde o mar, de Juan Galiñanes e Kaito Estudios.

Música orixinal: Orquestra Fugaz, por 9 Fugas.

Maquillaxe e perruquería: Raquel Fidalgo e Patricia Vilela, por A illa das mentiras.

Interpretación masculina de reparto: Milo Taboada, por A illa das mentiras.

comentarios