Octavio Beares: "Nos 70 xurdiu a idea dun cómic noso, galego; e a xeración que hai agora é incríbel"

Fundador de CuCo, cadernos de cómic e apaixonado da banda deseñada, Octavio Beares leva anos inserido no ámbito da divulgación e investigación do cómic. Recentemente, o autor publicou 'A historia do cómic en Galicia', onde se achega ás orixes, á evolución e ao presente deste xénero.
Octavio beares
photo_camera Beares fai un repaso polas orixes e a evolución da banda deseñada galega. (Foto: Octavio Beares)

Como xorde a idea de confeccionar esta obra?

É unha iniciativa persoal. Hai anos houbo unha exposición sobre a banda deseñada galega en Santiago de Compostela. Aí merquei o catálogo e nel había un texto sobre a mesma no século XIX, firmado por Rosario Crespo e Daniel Buján. As raíces das cousas son algo que me gusta bastante e, a partir de aí, foi onde comecei a considerar investigar un pouco sobre esa época. Despois, fun tirando do fío, porque realmente foi un proceso longo, levo dende o 2014 ou 2015, máis ou menos. O meu amor polo cómic galego leva aí moito tempo, pero realmente a chispa xorde dese catálogo e desa exposición, cando coñecín que había cousas xa en galego dende o século XIX.

Foi complexo indagar nas orixes da banda deseñada na Galiza?

En xeral, foi complexa a compilación de datos, porque realmente non temos moita bibliografía. De feito, sempre defino o meu libro como ese trampolín que pode servir aos investigadores para afondar, posto que é un libro bastante xeral e divulgativo. Por unha banda, o que fixen foi aglutinar toda a biografía que fun quen de atopar e empregar os arquivos, ben proxectos como A Galiciana ou acudir a outros arquivos. Por outro lado, busquei a pouca teoría que existe, principalmente unha tese doutoral de Xulio Carballo e obras en si mesmas, no mundo virtual e tamén nalgunhas bibliotecas municipais, como a de Compostela ou Vigo. Si que foi difícil e moi disperso, pero fun construíndo pouco a pouco.

'A historia do cómic en Galicia' é un libro para o público xeral ou conta cun ton máis especializado?

É verdade que é un libro que comecei por conta propia un pouco en ton de investigación e alta divulgación, pero todo ese concepto foi collendo forma. Co editor buscamos esa fórmula para que fose un libro divulgativo. Ten moitas citas ao pé, por exemplo, pero están todas recollidas ao final dos capítulos, sen interromper a lectura. Logo, os propios capítulos están divididos noutros máis curtos que van achegando temas máis concretos. Se ao lector, por exemplo, lle apetece ler sobre Xaquín Marín, existen unhas páxinas que tratan esa cuestión concreta. Aínda así, o ideal é que se faga unha lectura completa e lineal, porque para iso é a obra. Intento non ser moi espeso, introduzo pingas un pouco irónicas... A intención é unha divulgación que poida chegar a todo o mundo.

Na publicación, tamén fala da contribución de Castelao e da Xeración Nós. Cal é a súa relevancia?

Máis que relevancia, habería que falar de significación. A banda deseñada xa existía na época da Xeración Nós, mais puiden comprobar por min mesmo como entre esa xente culta e ben metida nas letras, nas artes e nas plásticas, aparecían cousas de Castelao ou de Maside. No medio dunha produción masiva de humor gráfico -a típica viñeta-, de pronto apareceu que Castelao ten varias “conviñetas”, é dicir, unha saia con catro viñetas, algo curto. Aínda que podemos dicir que o humor gráfico e a banda deseñada son primos curmáns e se parecen moito, non son o mesmo. Cando estes autores están a facer narrativa con imaxes consecutivas, están facendo uso desa banda deseñada e, polo tanto, paréceme moi significativo que a valore.

Como valora a situación do cómic galego na actualidade?

O século XXI é moi importante nese sentido. Dáse un verdadeiro boom, canto menos igual de relevante que o dos anos 70. Temos a xente como David Rubín, Emma Ríos, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado... Logo hai proxectos como a revista Golfiño ou editores como Demo Editorial, que fan banda deseñada propiamente en galego. Dende os 70 xorde a idea dun cómic noso, galego, e a comezos do século XXI aparece una nova xeración incríbel, que creo que é a que maior éxito tivo.

Comentarios