mércores 08/12/21
Reproducimos o pregón lido na suba ao Pico Sacro por Héitor Picallo

O alento do mundo

Como cada sábado previo ao Día da Patria Galega, desenvolveuse a suba ao Pico Sagro, revivindo así o ascenso que Castelao fixo en 1924 canda outros membros das Irmandades da Fala. A seguir, reproducimos o pregón lido no acto.
No alto do Pico Sacro, a lectura da  'Alba de Groria' de Castelao. (Foto: X. C. Garrido)
No alto do Pico Sacro, a lectura da 'Alba de Groria' de Castelao. (Foto: X. C. Garrido)

[Mons sacer –2016.06.30]

-e cando zoa o ventre do mundo,… 
en que pensades as árbores?
en que pensades cando gravitan 
esas raiceiras que terman da Terra 
e de nós?
en que cavila o mar de neuronas,
elásticas, cando sostedes coas vosas pólas 
ese enorme océano de gases que 
escorrega entre as gallas?
en que,…!? 
e co recendo perdido no aire,... 
explicádeme por que pousades a folla, 
e entregades o espectáculo de outono, 
en emocionante nudez sen pausa?
en que pensades!?
- en erguermos o alento do mundo,
en gardarmos a cerna do tempo,…

[illicinum – 23 h 59 min 59 seg.]

Talvez se voásemos coa nosa dorna xeiteira por enriba do reloxo de area –tal fósemos nunha cápsula do tempo– poderiamos observar que mil anos antes da nosa Era xa nos creáramos como pobo, sendo donos da nosa identidade. Porque non se pode ignorar que naqueles séculos nos que mans de ourives anónimos facían do ouro pezas de arte para pendurar nos pescozos dos membros do clan, nos brazos de mulleres e homes traballadores, guerreiras e guerreiros, Galiza era –con ese ou outro nome– espazo e terra de xentes, espazo e terra de deusas e deuses... Coas súas libacións e ofrendas veneraban as divindades que nos foron propias, e chamaban, como hoxe aquí facemos, polos heroes mortos nos campos de batalla. Pero tamén convocamos a Navia, a Berobreo, a Bormánico, Coventina, Edovio e ducias de seres que iluminaron as nosas vidas pasadas. Ohh... Setandianiegi: Memento qui in vobis sunt! [recorda quen es!]

Porque fomos cinza e de novo carne, fomos terra e creamos patria, mollamos a lingua coa suor da gleba e erguemos a nación, esta que hoxe sobe o cumio do monte sagrado, do Monte Sacro, do Mons Sacer, do Monte Illicinus.

Convocamos para tal ascenso a todas as xentes representantes das tribos galaicas: os Albións, os Ártabros, os Celenos, os Brigantinos, os Cáporos, os Grovios... Convocamos a rubir ao sagrado a cada unha das persoas caídas nas loitas fronte a Roma, para collermos folgos e aire purificador no curuto da liberdade. Por iso chamámosvos a todos coa palabra dos arxinas que cicelaron e derrubaron A torre da derrota: 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Gabarra a cachou de arria, coa escurriaxe: ferruncho e cantillón do loimo. Gabarra a cachou de arria, coa xiria e o fuste da releira, co gancheante e o miqueloiro, a rañola e o fuste, co carcaxo e as gadomas, cos gharavellos e as deluñas, coa galrúa e os gamuzos, xabrea de xandoca... co verbo.
[Fende a laxe coa ferramenta: cicel e martelo. Fende a laxe coa forza e a panca, co fouciño e o nivel, o legón e o pau, co peito e as maos, cos dedos e as unllas, coa boca e os dentes, sube, agatuña... co verbo]

Exeria terma da nosa man dende un alén ben próximo. Prisciliano acompáñaa e non lonxe avisa aos espíritos dos que xa se foron que o noso compromiso está en defender a terra, as nosas árbores sagradas (o castiñeiro de Pumbariños, o érbedo de Mariñán, o carballo de Portacal, o teixo de Córneas, o pradairo de Vilarpandín, a aciñeira de Covas, a sobreira de Siador e a figueira do Meco...), de coidar todos os soutos, carballeiras e fragas, pois furan nas súas cernas para chantaren xigantes austrais que estiñan o manancial comunitario (árbores inmensas que nos secan a terra e nos sacan o pan); ou papaventos eléctricos que depredan as brisas, os ávregos e os ciclóns.

Ei... rachade o silencio

Ei... rachade o silencio e berrade alto! María Balteira, María Castaña, María Criada, María Pita, María Soliña, María de Ulloa e centos de mulleres buscan recuperar a súa historia nesta ascensión espiritual ao sacro Illicinus! E canda elas, cómpre resucitarmos todas as mulleres anónimas –poetas ou guerreiras– que os pergameos ignoraron, todas aquelas mulleres de fazañas e de arte ás que lles omitiron os seus nomes por cada trazo censor do cálamo de cana. 

E o literario Ponthus –rei dunha Galiza liberada, fraterna con Irlanda, Escocia, Bretaña, Cornualla e Gales– axúdase de Sidoine para reivindicar un espazo no mundo para as nosas letras. Que se saiba que a poesía que creamos, o noso teatro, a narrativa que nos é propia, o ensaio galego... deben ser recoñecidos entre as linguas irmás! Porque fomos referencia literaria naqueles séculos do medievo e ao longo de todo o continente, esiximos sermos tratados como iguais, sen prisións nin exclusións, sen mordazas nin cepos. Velaí que neste ascenso suban connosco todos os cabaleiros, damas, druídas, magos e feiticeiras do círculo artúrico, os falecidos e os que aínda residen no manuscrito miniado; os protexidos pola capa de Merlín e Familia e os acubillados nas gabetas dos arquivos. Xa que todos fican custodiados polo dragón que dorme nos ollos das crianzas e nos soños dos que non medramos, aquí vos chamamos!!!

Convocamos á nosa ilustre almirante Isabel de Barreto –cofundadora da urbe de Santa Cruz, nas Illas Salomon– para que ao goberno do Santa Liberdade, rescate todas as persoas republicanas e demócratas afogadas na gabia, na Illa de San Simón ou no fondo do Atlántico.

Reclamamos ao Capitán Xeneral Gómez Pérez das Mariñas –fundador da cidade das Mariñas, en Filipinas– para que nos traia dende ultramar, subido no Novo Enden, todas as persoas mariñeiras e emigrantes que non volveron pisar a Terra Nai. 

E para que dirixa a cabotaxe do buque alxibe Bou Eva, solicítase a presenza de Xoán de Nóvoa, ese mesmo que bautiza cabo do arquipélago das Seychelles unha illa que gusta en chamar Agalega. Nese buque alxibe hanos traer aqueles nosos avós e avoas que, escravos nas Antillas, regaron coa súa suor e o seu sangue a ambición do amo e ferocidade do capital.

Chamamos, asemade, a Francisco Mourelle da Rúa, navegante que pisa Alaska e ao que lle rouban o seu diario, páxinas das que logo se había servir o propio Capitán Cook. Chamámolo para que logo de se mergullar nos mananciais sagrados –Lume de Deus, Santa Eufemia de Ambía, a Mina da Lagariza, a Fonte do Leite e a do Mouro de Sandiás– nos achegue a listaxe de persoas investigadoras galegas que nos deron de beber historia, tempo e ciencia: Anxos Alvariño, Pedro Cerviño, Antonia Ferrín, Domingo Fontán, Olimpia Valencia, Antonio Valenzuela Ozores, Ramón Verea... Presentes!! 

Chamamos aquí se persoe Pedro Sarmiento de Gamboa, pois logo de percorrer coa súa nao todos os cumios sagrados da nación –dende O Pindo ao Seixo, dende O Courel á Capelada e ao Facho de Donón–  traia canda si a lexión de poetas, músicos e artistas nacionais que xa lle entregaron unha moeda a Caronte: Dende de Martín de Padrocelos a Luisa Villalta, dende Xoán de Cangas a Camilo Díaz Baliño, de Xela Arias a María Santiso, de Maruja Mallo a Pascual Veiga e Perfecto Feixó.

Bandeira que nos é propia

E reunidos aqueles todos, xuntos cos que aquí tamén estamos, nesta procesión de ánimas e de vivos, chegaremos ao curuto do monte Ilicino para chantarmos coa forza dunha única man a bandeira que nos é propia. Así, en singradura figurada, embarcamos na dorna de Bóveda, Castelao e Rosalía, con todas as irmás e irmáns, irmandiños e xentes das irmandades, os nosos antepasados e os que aínda están por chegar. Pois xa está pronta a gradicela vermella que co seu alento esbravexo en proa espetou Isaac, para reivindicarmos xuntos, en compromiso e lealdade patria: 
–Sermos sempre, Galiza Sempre, Sempre en Galiza... Lingua, Patria e Nazón de Breogán!!

O alento do mundo
comentarios