Bartolomé de Olagüe, músico compostelán

Un novo achado descobre un organista e compositor barroco inédito até a data

O musicólogo Andrés Díaz Pazos vén de facer público o descubrimento dun novo compositor galego do período barroco, Bartolomé de Olagüe, até o de agora descoñecido. O seu achádego, ademais, pon de relevo a importancia dos centros eclesiásticos galegos e do dinamismo cultural que emanaba deles. 
Interior do mosteiro de Sobrado dos Monxes. (Foto: Amaianos)
photo_camera Interior do mosteiro de Sobrado dos Monxes. (Foto: Amaianos)

Resulta máis ou menos habitual no mundo da música clásica que apareza de cando en vez unha nova obra dun compositor coñecido, algunha obra anónima sepultada baixo capas de po dalgún arquivo eclesiástico, incluso algunha colección de pezas até o momento ignorada. O que xa non é tan frecuente é que se descubra un compositor cunha obra relativamente abundante. Mais iso é exactamente o que acaba de suceder no último Congreso da Sociedade Española de Musicoloxía: o musicólogo Andrés Díaz Pazos acaba de revelar a existencia dun compositor barroco galego do que non se tiña noticia. Ou si, pero non. Vaiamos por partes. 

Até o de agora coñecíase a existencia de Bartolomé de Olagüe, un clérigo organista e mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela, falecido en 1658. Pouco se sabe deste músico e compositor: cara a 1618 era neno de coro en Burgos e despois de pasar por varias igrexas menores, acaba sendo Mestre de Capela da Catedral de Burgos desde 1643 a 1651. Nese ano é nomeado Mestre de Capela en Santiago, onde permanecería até a súa morte. 

Doutra banda, existe un manuscrito na Biblioteca Municipal do Porto que é unha das principais coleccións de música de tecla da península e constitúe unha fonte importantísima para o coñecemento da música ibérica do século XVII e principios do XVIII. Trátase do  Libro de Cyfra adonde se contem varios Jogos de Versos e Obras, e outras curiosidades, de varios Autores (P-Pm, MM 42), que reúne obras de varios compositores da época. Aproximadamente un terzo destas composicións atribúense a Bartolomé de Olagüe. Mais algo non encaixaba: os especialistas crían que a música do manuscrito era demasiado moderna para ser composta por un músico falecido en 1658. Debía existir algún error de atribución.

“Con toda seguridade foi formado polo organista da catedral de Santiago Benito de Alaraz, compostelán que tamén traballara na catedral de Burgos, onde coincidiu con Olagüe pai” , aclara Andrés Díaz.

E aquí é onde comeza a investigación de Andrés Díaz, que atopou no Arquivo do Reino de Galiza documentos que testemuñan a existencia dun outro Bartolomé de Olagüe, fillo do primeiro. “Revisando documentación do mosteiro de Sobrado dos Monxes atopei o expediente dun organista do mosteiro que fai constar que é fillo de Bartolomé de Olagüe, Mestre de Capela da Catedral de Santiago”, explica Díaz en conversa con Nós Diario. “Daquela, busquei a partida de bautismo en Compostela e, claro, foi complicado porque nese documento -de agosto de 1652- aparece como fillo de Melchor López de Prado e María Rodríguez, solteiros: como é lóxico, non podía figurar que era fillo dun clérigo”. 

Os documentos mostran que, dalgunha maneira, Olagüe estivo protexido polo ambiente dos músicos: “o seu padriño, por exemplo, é un menestrel da catedral. E os informantes do seu expediente de limpeza de sangue forman parte tamén da capela de músicos do templo. A sombra do seu pai sempre está presente”, aclara Díaz. Nese sentido, ese apadriñamento aseguroulle tamén unha formación: “con toda seguridade foi formado polo organista da catedral de Santiago Benito de Alaraz, compostelán que tamén traballara na catedral de Burgos, onde coincidiu con Olagüe pai”. 

O futuro compositor tomou os hábitos en Sobrado en 1667, onde permaneceu até 1707. É case seguro que foi neses corenta anos cando compuxo as pezas que aparecen no manuscrito de Porto e que até agora se atribuían ao seu pai. Os músicos ligados ás institucións eclesiásticas compuñan a maior parte das pezas que se tocaban en cada oficio, polo que a súa produción, moi dilatada, non se corresponde coa que chegou aos nosos días. Se a isto lle engadimos o feito de que a imprenta musical practicamente desapareceu da península Ibérica durante ese período, a importancia de contar con máis de vinte pezas dun compositor galego da altura queda fóra de toda dúbida.

O descubrimento de Díaz é dunha enorme relevancia non só polo achádego dun novo nome que engadir á nómina dos compositores galegos. Tamén demostra que o importante manuscrito do Porto procede da Galiza. “O manuscrito está escrito en portugués, mais todas as pezas incluídas nel pertencen a compositores que traballaron aquí”, sinala Díaz

Despois deses corenta anos de actividade en Sobrado, Olagüe trasládase ao mosteiro de Santa Ana, en Madrid, onde permanecería até a súa morte en 1722.

A orixe galega do manuscrito do Porto 

O descubrimento de Díaz é dunha enorme relevancia non só polo achádego dun novo nome que engadir á nómina dos compositores galegos. Tamén demostra que o importante manuscrito do Porto procede da Galiza. “O manuscrito está escrito en portugués, mais todas as pezas incluídas nel pertencen a compositores que traballaron aquí”, sinala Díaz. “José Urroz en Santiago, Juan Correa en Tui, Andrés de las Cuevas en Ourense... O máis probábel é que ese manuscrito fose copiado por algún monxe ou organista portugués que andaba por Galiza e que o levou para Portugal de volta. Sabemos de, polo menos, dous monxes organistas portugueses que estiveron en Sobrado dos Monxes: frei Jacinto Valverde e frei Diego Valverde, este último de Valença. Non é imposíbel que algún deles fose o copista dese libro de cifra que rematou no Porto”.

Un centro cultural de gran dinamismo

O descubrimento de Andrés Díaz Pazos aínda ofrece outra lectura de grande importancia para a nosa historia musical: a orixe galega do manuscrito do Porto vén demostrar que os centros de cultura da Galiza tiñan o seu propio circuíto de creación e de transmisión dun repertorio propio, independente de instáncias foráneas e cunha relación destacada co Norte de Portugal. "Ese dinamismo cultural está moi ligado á actividade da orde cisterciense. En Sobrado, por exemplo, existía unha pequena escola de organistas que formaba músicos  e cantantes de coro, galegos e portugueses, que logo acababan traballabando noutros centros como, por exemplo, Melón, Celanova, Oia, Braga...", explica Díaz. "Este descubrimento debería ser un aliciente para facer unha transcrición moderna do manuscrito, ou polo menos, das obras de Olagüe". 

Comentarios