'Nós Diario' agasalla este sábado doce entrevistas únicas e irrepetíbeis co libro 'Dar que pensar'

Este sábado, día 17, o xornal 'Nós Diario' e o semanario 'Sermos Galiza' veñen acompañados do terceiro libro que se agasallará ás persoas subscritoras —e que terá un prezo de 2 euros para o resto de lectoras e lectores— ao longo do mes de decembro: 'Dar que pensar. Entrevistas irrepetíbeis'.
Xosé Neira Vilas, Saleta Goi, Domingo Villar, Mariví Villaverde, Fran Pérez 'Narf', Antía Cal, Bautista Álvarez, Xulio Maside, Luz Pozo Garza, Xabier P. Docampo, Francisco Pillado e Agustín Fernández Paz. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Xosé Neira Vilas, Saleta Goi, Domingo Villar, Mariví Villaverde, Fran Pérez 'Narf', Antía Cal, Bautista Álvarez, Xulio Maside, Luz Pozo Garza, Xabier P. Docampo, Francisco Pillado e Agustín Fernández Paz. (Fotos: Nós Diario)

Carme Vidal, María Obelleiro, Erik Dobaño, Rocío Castro, Daniel Salgado e Mercedes Queixas asinan as doce entrevistas únicas e irrepetíbeis que conforman o libro Dar que pensar. Entrevistas irrepetíbeis, unha recompilación de conversas publicadas no semanario Sermos Galiza ao longo da última década con persoas que xa non están entre nós, pero cuxa pegada segue mantendo aceso o lume do pensamento.

O volume entregarase este sábado de balde para as persoas subscritoras —tamén dispoñíbel na edición dixital—, e terá un prezo simbólico de 2 euros para o resto de lectoras e lectores, acompañando o Nós Diario e o Sermos Galiza.

A escritora Mariví Villaverde, un dos rostros máis recoñecíbeis do exilio galego e finada en 2017, protagoniza a primeira destas doce entrevistas, realizada por Carme Vidal e publicada no número 1 do Sermos Galiza, o 8 de xuño de 2012.

Vidal é tamén a responsábel da segunda conversa deste libro, desta volta con Antía Cal, mestra e escritora falecida o pasado marzo que naquel momento —tamén xuño de 2012— viña de recibir o Premio Trasalba.

A terceira entrevista, da mesma autora, ten como protagonista o músico Fran Pérez, Narf (1968-2016), que en agosto de 2012 encamiñábase cara a Maputo (Moçambique) para preparar o seu novo proxecto musical.

O histórico dirixente nacionalista Bautista Álvarez, quen fora un dos fundadores da UPG, conversou con Carme Vidal para o Sermos en 2013, catro anos antes do seu pasamento, con motivo da súa estrea como escritor de narrativa coa obra Retallos daquela infancia.

En 2014, a propia Vidal mantivo unha extensa conversa co escritor e editor Francisco Pillado, finado o pasado ano, após abandonar a dirección da editorial Laiovento.

E foi tamén Vidal a encargada de entrevistar o escritor Agustín Fernández Paz (1947-2016), que en 2015 regresaba á literatura de terror con A neve interminable.

Saleta Goi, falecida en setembro deste ano, falou longo e tendido con María Obelleiro en 2015 sobre a elección do seu marido, Manuel María, como autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas do ano seguinte.

Só un mes antes do seu pasamento, en novembro de 2015, Xosé Neira Vilas concedeu unha última entrevista a Rocío Castro para o Sermos na que repasou a súa ampla e frutífera traxectoria literaria.

Luz Pozo Garza, que nos deixou no ano da pandemia, conversou con Mercedes Queixas tamén en 2015 sobre a obra poética e a súa localidade natal, Ribadeo, como eixo da mesma.

Outro dos imprescindíbeis da literatura galega, Xabier P. Docampo, protagonizou o Sermos do 8 de febreiro de 2018, no mesmo ano en que morreu, nunha entrevista de Erik Dobaño.

Finalmente, Daniel Salgado asina as dúas conversas que completan Dar que pensar, co pintor Xulio Maside e o escritor Domingo Villar e datadas de maio de 2018 e marzo de 2019, respectivamente, ambos os dous finados na primavera de 2022.

Comentarios