venres 24/09/21
Creou o teatro galego moderno e integrouno na corrente da tradición

Pancho Pillado: teatro contra a amnesia

É mentira que a morte se anuncie. Por moito que sexa unha visita esperada, a súa comparecencia sempre golpea coa intensidade do imprevisto, sempre deixa tras de si un pouso de irrealidade. O mundo do teatro sente algo así despois da desaparición de Francisco Pillado Mayor, Pancho Pillado. 
Francisco Pillado Mayor
Francisco Pillado Mayor

En 1965, Francisco Pillado Mayor e Manuel Lourenzo decidiron formar a compañía O Facho e representar, malia todos os impedimentos que puña a ditadura, unha obra en galego. Ambos os dous estaban convencidos de que o teatro do noso país se reducía a Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, e A fiestra valdeira, de Dieste. Era impensábel pedirlle á censura que permitise unha representación da primeira (“eramos novos pero non idiotas”, dicía) e, por razóns técnicas, tampouco podían poñer en escena a segunda, así que decidiron facer un remexido con poemas de Luís Pimentel e de Rosalía de Castro e escenificalo. 

Por medo a que a policía irrompese no medio da función e os detivese, pedíronlles a algúns vultos do mundo da cultura con certo nome e influencia que acudisen como espectadores, confiando en que a súa presenza evitaría males maiores. Otero Pedrayo, García-Sabell, Juan Rof Carballo, Juan Naya e outros persoeiros da época mostráronse moi interesados, confirmaron a súa asistencia e mesmo difundiron a invitación para, na medida do posíbel, “blindar” aos atrevidos teatreiros. A cousa funcionou ben. 

En moitos casos desde a sombra -non por falsa modestia, senón por manter a súa independencia-, o traballo de Pillado cambiou a fasquía da escena galega.

Mais no transcurso do coloquio que seguiu á representación -eran os anos 60, non había teatro sen coloquio posterior-, un señor maior preguntou por que non representaban ningunha obra dun autor dramático galego. Os mozos, sorprendidos, contestaron que non había obras de teatro escritas en galego. Daquela, aquel señor maior empezou a explicarlles, con paciencia e tacto, o que fora o teatro rexionalista, o das Irmandades da Fala, a Escola Rexional de Declamación, a Escola Dramática Galega, o Conservatorio Nacional de Arte Galega... 

Aquel señor maior era Leandro Carré Alvarellos e, igual que aqueles mozos, estaba levantando acta dun roubo: o da historia deste país. Nunha entrevista con Xosé Luna Sanmartín, Pillado expresábao así: “o que nos estiveron roubando esta cuadrilla de asasinos que nin sequera nos deixaban representar a Rosalía”. 

Pillado, co seu  grave aspecto de patricio romano, contaba con moita frecuencia esta anécdota, e Manuel Lourenzo segue contándoa cada vez que ten ocasión, o que probabelmente delata a profunda pegada que deixou aquel encontro. Se cadra, foi aquela revelación de que se lles furtara o pasado a que está na orixe de tantos volumes en colaboración que estableceron pontes entre o pasado e o presente que estaban tecendo: O teatro galego, Antoloxía do teatro galego, Dicionario do teatro galego... e de todo o traballo de recuperación da memoria teatral que ambos levaron a cabo desde a Escola Dramática Galega, desde os Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, desde a revista Casahamlet...

En moitos casos desde a sombra -non por falsa modestia, senón por manter a súa independencia-, o traballo de Pillado cambiou a fasquía da escena galega. El e Lourenzo inventaron un teatro onde non existía, puxérono ao día a respecto das correntes europeas do seu tempo e, cando descubriron aquelas raíces ocultas, fixeron todo o posíbel para que o seu labor se integrase na corrente da tradición, para que a continuidade non crebase. 

Agora é o tempo da homenaxe e a lembranza mais, se cadra, a mellor ofrenda que podemos renderlle á súa memoria no futuro sexa evitar que esa corrente se interrompa.

comentarios