CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O que nos agarda nas pantallas na temporada outono-inverno

outono_inverno
photo_camera Moitas proposta a ollar nos vindeiros meses

TEMPADA OUTONO-INVERNO 2017

A nova tempada outono-inverno vén carregada de novidades e tendencias que xa apuntabamos a primeiros de ano. Hai unha morea de saldos pero aí vai unha escolma das que van romper coa pana:

IMPRESCINDÍBEIS

Tres sobresaen por riba de calquera proposta con data de caducidade e prevalecerán no tempo. Se aínda non o fixeches, deberías marcalas no calendario en vermello ou poñer un aviso no teu smartphone para que no se che pase, porque logo non vale ir ás rebaixas. Elas son: Blade Runner 2049 (6 de outubro), Mother! (29 de setembro) e Star Wars VIII: Os últimos Jedi (15 de decembro). Moitas ganas...

MARCARÁN TENDENCIA

Grandes firmas, como Marvel e DC, tamén lanzan as súas propostas, e saen para últimos de ano con escasa marxe de diferenza. Por unha banda Marvel apresenta unha achega con moito colorido e atrevidos toques retro en Thor Ragnarok (26 de outubro); pola súa banda, DC tratará de aumentar en vendas a base de retrincos doutras coleccións que conformarán a súa Liga da Xustiza (17 de novembro). Todo apunta a que gañará Marvel, mais pode haber sorpresas...

PASARELA

Reputadas creadoras e creadores sacarán as súas esperadas propostas anuais. Steven Soderbergh con A sorte dos Logan (12 de outubro), Isabel Coixet con A librería (3 de novembro), Raoul Peck con O xoven Karl Marx (17 de novembro), George Clooney con Suburbicon (8 de decembro), Alexander Payne con Downsizing (22 de decembro) ou Woody Allen con Wonder Wheel (22 de decembro), son algúns dos máis destacados. Calidade asegurada...

COMPLEMENTOS

Michael Fassbender lucirá roupa interior térmica en O boneco de neve (12 de outubro); botas de trekkin e impermeábel para Idris Elba e Kate Winslet en A montaña entre nós (20 de outubro); en O castelo de cristal (20 de outubro) veremos o trío Brie Larson, Naomi Watts e Woody Harrelson con roupa casual moi cómoda; e pola súa banda Julia Roberts e Owen Wilson andarán enleados coa roupa escolar do seu fillo en Wonder (1 de decembro). Estarán impecábeis...

PARA IR CONTRACORRENTE

Se tes estilo propio e non che gusta seguir modas, hai alternativa e con moi boas referencias: desde Dinamarca, A War (22 de setembro), nomeada aos Óscars na pasada edición. A sempre interesante Agnieszka Holland tráenos Spoor (20 de outubro), unha achega entorno á violencia de xénero. Desde Rusia, e premiada polo xurado de Cannes, Sen amor (20 de outubro). De Hungría, cun Oso de Ouro baixo o brazo, temos En corpo e alma (27 de outubro). De Suecia, The Square (10 de novembro), última Palma de Ouro en Cannes. Naomi Kawase presenta Hikari (24 de novembro), romanticismo nipón e amor cego. Joaquin Phoenix, tamén premiado en Cannes, protagoniza En realidade, nunca estiveches aquí (24 de novembro). Tamén o Gran Premio do Xurado en Cannes, 120 pulsacións por minuto (1 de decembro) así como o derradeiro traballo de Harry Dean Stanton na independente Lucky (15 de decembro) ou rematar o ano coa última proposta do grego Yorgos Lanthimos, que repite con Colin Farrell en O sacrificio dun cervo sagrado (29 de decembro).

AARRGH!

Para poñer o grito no ceo temos Annabelle Creation (12 de outubro), A pel fría (20 de outubro), The Ritual (10 de novembro), Feliz día da túa morte (17 de novembro), Saw VIII (24 de novembro) ou Musa (1 de decembro). Unhas propostas a mar de grotescas...

SEGUNDA VIDA

E que pasa cando fallan as ideas? Pois un remendo por aquí e unha puntada por acolá e semellará como se fose novo. A maioría das veces parece unha pésima idea, como Enganchados á morte (29 de setembro) ou Jumanji (22 de decembro)... pero ollo que outras poden chegar a mellorar á orixinal, como Asasinato no Orient Express (24 de novembro) ou Unha bolsa de bolas (29 de decembro). Veremos...

PARA AS CRIANZAS

Na sección infantil contamos cunha ampla gama de ofertas. Para os máis pequenos da casa temos a xaponesa Gatos (29 de setembro), a rusa Kiroriki (29 de setembro), a alemá O pequeno vampiro 3D (27 de outubro), a española Deep (3 de novembro) ou a norueguesa O bosque Haquivaqui (1 de decembro).

Se prefires ir de rebaixas: Operación Cacahuete 2 (12 de outubro), Yo-Kai Watch O filme (10 de novembro), A illa dos monstros (17 de novembro) ou Armouse o Belén (15 de decembro).

E por suposto haberá lugar para as grandes marcas como A Lego Ninja Película (22 de setembro), Paddington 2 (24 de novembro), Coco (1 de decembro), de Pixar, ou Ferdinand (22 de decembro), unha achega que promete acabar definitivamente coas touradas nas seguintes xeracións.

Comentarios