Por que non hai pantasmas nos pazos da Galiza?

Iniciativa do Festival Altántica e de Couceiro
O escritor Manuel Gago. (Foto: Atlántica)
photo_camera O escritor Manuel Gago. (Foto: Atlántica)

O Festival Atlántica enfronta 2021 coa estrea dunha liña editorial da man da libraría Couceiro, que vai centrar as súas publicacións arredor da tradición oral. O primeiro título deste proxecto é O sangue das pantamas, de Manuel Gago, unha edición agasallo que os clientes do popular comercio recibirán cando merquen outro libro no estabelecemento.

Máis adiante vanse publicar novos títulos doutros autores vencellados a unha das actividades con mellor acollida do Festival Atlántica: as rutas narradas. Deste modo, a experiencia dos paseos con historias fixarase no papel para o goce de novos públicos.

De autoficción á falta de pantasmas na Galiza

O sangue das pantamas é un texto de autoficción que ten a súa orixe nunha estancia de Gago nun castelo escocés hai anos. A raíz desa experiencia, o autor preguntouse por que na Galiza, con tantas historias de mortos e aparecidos, apenas se coñecían pantasmas nos abundantes pazos e casas vedrañas do país.

Nese momento comezou unha aventura cultural na procura dun territorio da imaxinación ben pouco coñecido. E a historia levou a Gago ás sombras de Compostela: ás mansións invisíbeis, aos monstros míticos, aos ocultistas decimonónicos e aos espectros que aínda sobreviven nas últimas fisgas da cidade, máis vivos do que parece.

Xornalista e máis

Gago é doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén é profesor asociado de ciberxornalismo. Na actualidade, é director do portal de divulgación do Consello da Cultura Galega. É editor de Capítulo Cero, un dos blogs referentes da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais. 

A súa traxectoria caracterízase polo carácter polifacético, de aí que desenvolva proxectos no eido da difusión e investigación arqueolóxica, do patrimonio cultural, do audiovisual, do ensaio o da literatura, entre outros.

Publicou as novelas O anxo negro (Xerais, 2016) e O exército de fume (Xerais, 2018) e está a preparar unha nova obra prevista para marzo de 2021. 

Comentarios