Manuel Gago, comisario da exposición

"Galicia, un relato no mundo' amosa como as grandes historias poden ser contadas desde unha óptica galega"

A exposición Galicia, un relato no mundo abrirá as súas portas o vindeiro 8 de novembro no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, reunindo máis de 300 pezas de grande valor simbólico que visualizarán a relevancia e influencia da nosa nación no exterior e na evolución da historia mundial. Sermos Galiza conversa co comisario da mostra, Manuel Gago Mariño.  

Manuel Gago, comisario da exposición [Imaxe Sole Felloza]
photo_camera Manuel Gago, comisario da exposición [Imaxe: Sole Felloza]

Novembro arrincará coa exposición Galicia, un relato no mundo, a primeira gran exposición internacional dentro do programa Xacobeo 2021, e achegará máis de 300 pezas de grande relevancia a Compostela, moitas delas nunca vistas aínda no noso país. Todas estas obras amosarán o papel protagonista da nosa nación no mundo ao longo da historia até chegarmos ao presente. Así, e por primeira vez, sairá de Irlanda o Libro das Invasións, o documento máis antigo que se conserva onde aparece nomeado por primeira vez Breogán. Tamén se poderá ollar o Mapa de Sawley que dá boa conta do peso político e cultural da Galiza na Europa occidental da Idade Media, sendo representado o noso país e a Catedral de Santiago cun tamaño incluso maior que París ou Roma. Sermos Galiza conversa con comisario da mostra, o profesor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño.  

galicia relato 2Que significa para a Galiza contar coas máis de 300 pezas que amosará a exposición?

Son pezas aínda non moi coñecidas pola poboación cunha grande significación para a Galiza e para a cultura universal, pois fan visíbel que o noso país tivo unha importante presenza no mundo.

A idea parte de cando comecei a preparar a exposición. Organicei sesións de grupo con diversas persas para coñecer cal era a idea delas sobre a presenza da Galiza no mundo. Todas elas tiñan unha experiencia, pois somos un país onde cada quen ten unha historia vital en relación a cuestións que lle aconteceron noutros lugares durante a vida, por exemplo, algunhas naceran en Suíza, outras tiñan avós que emigraran a Cuba ou elas mesmas estiveran noutros países. Algo que, polo feito de ser moi cotiá, non deixa de ser tremendamente sorprendente.

Imos traer o Libro das Invasións. Trátase dun documento central da historia de Irlanda e conéctaa ademais coa da Galiza

Decateime a través destas sesións de que non existe unha percepción da emigración en relación a unha historia máis global da Galiza, é dicir, as galegas e galegos non emigramos a calquera lugar porque si, senón porque hai unha tradición e un vínculo máis grande. Séguense camiños que de algunha forma foron creados previamente.

Por iso, a exposición vai máis alá da emigración, e busca conectar esa memoria individual que temos as galegas e galegos da experiencia migrante con ese sentido máis global que ten calquera país do mundo dunha historia que vai sucedendo ao longo do tempo, que nos conecta con outros fenómenos culturais e que nos axuda a entender quen somos, indo máis alá da emigración.

Por exemplo, intentamos amosar nesta exposición de onde procede esa idea e imaxe que teñen de nós como o extremo ou fin do mundo. Procuramos explicar que significa estar situados neste lugar do mundo, no corazón do Atlántico mais ao mesmo tempo moi perto do Mediterráneo, e en que medida iso nos fixo contactar con outras culturas. Os obxectos expostos materializan unha serie de constantes que fan visíbel que a Galiza é un espazo conformado pola interacción de moitas culturas.

libroinvasions_webEntre as pezas que se exporán salienta o primeiro documento en que se menciona a Breogán. É a primeira vez que estará na Galiza?

Si, imos traer o Libro das Invasións. Trátase dun documento central da historia de Irlanda e conéctaa ademais coa da Galiza. O libro inclúese no  Book of Leinster, que contén varias obras ao seu tempo. Nel figuran as primeiras referencias a Breogán e a Brigantia, o pobo dos fillos de Mil que conquista Irlanda na sexta invasión. É unha historia que nace moito antes do Rexurdimento e de Manuel Murguía, é dicir, é unha historia que nos conecta cos pobos atlánticos desde a Idade Media.

A conexión da Galiza coas nacións celtas procede deste libro e por iso ten unha significación especial

O Libro das Invasións ten unha significacíon enorme para a Galiza e ao mesmo tempo é unha obra que se xungue coa contemporaneidade, pois está na base da definición que fixo o galeguismo no século XIX sobre a fundación do propio país e conecta ademais coa imaxe exterior que actualmente aínda ten a Galiza en canto ao seu compoñente céltico e os seus lazos con Irlanda. Esa conexión da Galiza coas nacións celtas procede deste libro e por iso ten unha significación especial.

É unha peza pois que está no corazón da identidade galega contemporánea e que nos permite explicar como moitas veces as identidades dos países están conformadas por pezas que son de aquí e doutro lugar ao mesmo tempo, que falan da Galiza pero que tamén están no núcleo da cultura e da identidade doutros lugares, neste caso de Irlanda.

Todo isto deixa ver como a Galiza foi capaz de intercambiar e consolidar unha identidade que moitas veces é partillada con outros pobos. Para min é fundamental isto, xa que implica cuestionarnos esa idea de que sempre fomos periferia.

Mapa de SawleyOutra obra que se poderá contemplar é o Mapa de Sawley que dá conta da importancia da Galiza e de Compostela en toda Europa na Idade Media.

Veremos como na cartografía medieval a Galiza está sempre presente. Á hora de definir a Península Ibérica nos mapas do século X, XI, XII e XIII a Galiza é precisamente o territorio que a define. O Mapa de Sawley é importantísimo porque cruza moitas cousas ao mesmo tempo: é o primeiro mapa enciclopédico que se fai nas illas británicas e é un compendio dos saberes dos seus tempos, xa que recolle os saberes bíblicos, os saberes do mundo clásico, as lendas de Alexandre Magno.... é un mapa non só espacial senón tamén temporal xa que expresa o evoluír desde o principio ao final dos tempos. Así, na parte superior, figura o Paraíso, e na zona inferior está a Galiza; e vese como entre o Paraíso e a Galiza vai avanzando o tempo. Así, debaixo do Paraíso está a primeira cidade que funda Caín, logo a Torre de Babel, Xerusalén, Roma e , no final do tempo, a Galiza, o cal é exactamente a mensaxe do Pórtico da Gloria. Na Península Ibérica o espazo destacado neste mapa ocúpao a Galiza xunto a Tarraco.

Veremos como na cartografía medieval a Galiza está sempre presente

O noso país aparece moi grande no mapa, e salienta de maneira moi definida a Catedral de Santiago, sendo moito máis detallada ca París e Roma, o que dá a ver a puxanza social, económica e política do Reino de Galiza á altura do século XII e como funcionaba de importante polo cultural e referencial na Europa occidental. De facto, a elaboración do mapa coincide co que se coñece como a época Compostelá.

Que máis atopará o público?

Outras das pezas a salientar é Manuscrito de Exeria, primeira escritora da Península Ibérica, o que nos permite falar desta figura tan descoñecida para o público até hai 20 anos, unha figura moi relevante nos estudos de xénero. Facer visíbel na Galiza o papel tan significado que tivo esta peregrina axuda a visualizar tamén un período moi importante para a conformación do que é a Galiza na antigüidade tardía, ao final do Imperio Romano. Os avances científicos permítenos saber que naquela altura a Galiza xa estaba participando de maneira moi activa nunha rede comercial que conectaba o norte de Europa co Mediterráneo oriental. Sabemos con isto que Exeria non era unha figura isolada e que as ideas de centro e periferia cambian.

Outra peza importante que traemos son os códices calixtinos. O Cancioneiro da Vaticana é un códice realizado no renacemento italiano, e dicir, conserva a lírica galego-portuguesa polo interese que espertaba na Italia do século XVI. É un dos grandes compendios da nosa lírica e fálanos da Idade Media mais tamén do Renacemento, é dicir, de como unha peza escrita na Idade Media na Galiza considerouse interesante anos após.

Os códices calixtinos que exporemos permitiranos ver partes do Códice Calixtino galego que desapareceron, por exemplo, poderemos ver o rostro de Carlos Magno que se perdeu no documento galego

Precisamente, os códices calixtinos que exporemos permitiranos ver partes do Códice Calixtino galego que desapareceron, por exemplo, poderemos ver o rostro de Carlos Magno que se perdeu no documento galego. Estes visibilizarán como no século XII na Galiza tomouse a idea de ter que contar unha historia que chegase a outras partes do mundo e como, nesa liña, naceu a historia sobre a aparición do Apóstolo Santiago a Carlo Magno, e como este lle indicou que viaxase a Compostela para descubrir a súa tumba, marcando así o camiño da peregrinaxe. Esa historia creouse aquí e propagouse por Europa. Creouse para conectar Galiza con Europa e facer máis atractivo o mito do Apóstolo. Outra vez estamos ante historias de conexión.

Como foi o proceso de creación desta exposición?

Propuxéronme o tema principal dunha maneira moi aberta: “Galiza - Mundo”. De aí empezamos a traballar en como poder orientar este relato. O primeiro que fixen foi pensar que podería achegar ao público esta exposición. Neste caso, a temática parte dunha dun tema que a xente xa coñece, como é a experiencia persoal e familiar que comentaba ao comezo sobre a emigración. E nos formulámonos como poder trasladar a experiencia familiar ao colectivo, facer da visión que ten cada quen a de toda a Galiza. E así foi como saíu a idea de realizar unha mostra que transita desde a prehistoria até os nosos días. Buscamos amosar como o mundo reside en nós e como as grandes historias do mundo poden ser contadas desde unha óptica galega.

Foi doado conseguir que institucións doutros países cedesen as obras para esta exposición?

Sorprendeunos que a marca Galiza e Compostela funcionen tan ben internacionalmente. Hai un recoñecemento da Galiza do que moitas veces non somos conscientes. Hai unha boa imaxe do noso país, nótase e vese.

Comentarios