Decorrerá durante os meses de novembro e decembro

O VIII Festival Atlántica volve a Compostela en formato híbrido

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, interrompido en marzo por mor da Covid-19, presentou a súa oitava edición, que se vai desenvolver desde a vindeira semana en Compostela. 
Sole Felloza
photo_camera Soledad Felloza, contadora e directora do Atlántica. / Nós Diario

O evento decorrerá os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e 5 e 6 decembro, "con actuacións en formato híbrido, en liña e presenciais, para garantir a seguridade entre as persoas asistentes", comunicou na presentación do Festival a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, que estivo acompañada pola directora do Atlántica, Soledad Felloza. 

A programación levará os espectáculos até o Teatro Principal, a Igrexa da Universidade, os centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta e Vite, o Centro Xove da Almáciga, a Biblioteca Ánxel Casal e a Nave de Vidán. 

Na presentación, a directora do Festival quixo subliñar que "Atlántica, no mesmo ano e co mesmo orzamento, vai ser quen de sacar adiante dúas veces o festival grazas á xenerosidade do equipo técnico e artístico, que volven para cumprir co seu compromiso co público".

Felloza tamén destacou que "os artistas e as artistas desta edición, como moita xente da cultura, compartiron o seu traballo nas redes para aliviar o tempo de confinamento" e agora, "aínda que sexa nestas condicións, o que desexan é volver estar en contacto coa xente".

O responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, a pesar de non poder participar na rolda de prensa,  deixou patente o apoio do ente provincial aos festivais polo seu labor como plataformas de difusión da cultura. Un apoio que "ten unha dimensión especial polo contido tan vinculado á tradición oral". Agradeceu o traballo da organización e lembrou que "a cultura non contaxia e é saudábel".

Comentarios