Un ano para conmemorar o centenario de Fernández del Riego

A presentación do libro Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, inicia o ano do centenario de Francisco Fernández del Riego na cidade onde el residiu boa parte da súa vida. Na Fundación Penzol que el presidiu quere que o aniversario sirva para lembrar e tirar luz sobre a xenerosa figura do galeguista.
Fernández del Riego
photo_camera Fernández del Riego

O actual presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, Xosé Luís Franco Grande, María Dolores Cabrera, Malores Villanueva e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, participan na presentación na Casa da Cultura de Vigo dun libro que visita en especial a intensa relación de Del Riego coa cidade. A súa relación coa Fundación Penzol, coa Editorial Galaxia, con Industrias Pesqueiras ou coa Universidade de Vigo son algúns dos aspectos analizados nun volume colectivo en que participan, entre outros Vítor Freixanes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camiño Noia, Alonso Montero ou Rosa Aneiros. Unha cronobiografía percorrerá os principais acontecementos dunha intensa traxectoria intelectual que atravesou case todo o século XX.

A Fundación Penzol que el presidiu até a súa morte está detrás da organización dunhas conmemoracións en que se buscará a implicación de institucións, entidades e asociacións ademais de buscar iniciativas cidadás que lembren a Fernández del Riego no seu centenario. Malores Villanueva, do padroado da Fundación, destaca as distintas facetas da biografía do intelectual galeguista que estarán presentes nos actos deste ano, na Real Academia Galega que el presidiu até a colaboración co movemento asociativo. Agardan que a Academia organice un plenario de homenaxe de quen foi o seu presidente de 1997 a 2001 nun tempo en que imprimiu un impulso renovador mesmo coa modificación dos Estatutos que seguían vixentes dede 1906. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), o Instituto de Estudos Miñoranos ou pequenas asociacións como A Nave das Ideas ou Trabalinguas, xa anunciaron a súa participación no desenvolvemento do centenario.

Ideas non faltan para conmemoraren a figura de Fernández del Riego, a lembranza do discurso con que inaugurou o curso 1933-1934 da Universidade de Santiago solicitando a galeguización ou a súa iniciativa presentada o 26 de abril na Academia que deu pé ao Día das Letras Galegas e que este ano fai o 50 aniversario, son algúns dos episodios da súa vida que poderán ser lembrandos no centenario.

“Sempre dicía que estaba a pé de obra e iso era así, traballando sempre, executando iniciativas desde moi novo e até o final cun abano inmenso, desde a súa participación política na elaboración do Estatuto da man de Alexandre Bóveda que o empuxou para dar un paso adiante na política até dirixindo o xornal A Nosa Terra ou en voceiros como Vieiros. O seu legado, tanto na política como no ámbito intelectual, é inmenso”, destaca.

Desde o día 7 de xaneiro en que Francisco Fernández del Riego tería cumprido cen anos, varias foron xa as iniciativas que se botaron a andar. A primeira delas, a homenaxe que o concello de Vilanova de Lourenzá onde naceu, rendiu a quen foi o seu primeiro fillo predilecto. A Editorial Galaxia, da cal foi un dos seus fundadores, abriu un blog en que se irán recollendo todas as actividades e quere ser tamén porta aberta á homenaxe cidadá ao intelectual galeguista. A Real Academia Galega, pola súa banda, iniciou nese día a súa andaina na rede social twitter cunha mensaxe en lembranza do centenario do cal foi o seu presidente.

“Viviu para o país e doou todo o que tiña, a súa biblioteca e tamén a súa pinacoteca, nun acto de xenerosidade que reflexa ben a súa personalidade. Era un home traballador, comprometido e ético, e este ano é unha boa oportunidade para botar luz sobre a súa figura” sinala Malores Villanueva.

Comentarios