Pontevedra

Noites Abertas fai 25 anos cunha edición especial que dará "boa conta" deste cuarto de século

O programa figura como un dos máis lonxevos do Concello, contando este ano con máis de 138 sesións de actividades, 14 espazos distintos e 87 proxecto a desenvolver.
Presentación do programa Noites Abertas, hoxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación do programa Noites Abertas, hoxe. (Foto: Nós Diario)

Un cuarto de século despois, Noites Abertas iniciará unha nova edición como un dos programas máis "lonxevos, queridos e agardados" dentro da programación anual do Concello de Pontevedra. As súas propostas mimetízanse xa coa propia paisaxe pontevedresa, logo de anos medrando, evolucionando e ocupando novos e variados espazos, aseguran desde o consistorio.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou na mañá desta terza feira o programa que ao longo dos vindeiros meses se desenvolverá na Boa Vila. "Trátase dunha edición especial, que nos fai moitísima ilusión e para a que, por suposto, preparamos algunhas cousas novas", sinalou o edil, que tamén lembrou o "mareo de cifras" que pode resultar á hora de repasarmos as cifras de Noites Abertas, como as "100.000 persoas usuarias ás que se pretende chegar nesta edición —hai 92.000 contabilizadas até o momento—", as 51 entidades colaboradoras este 2024, 87 proxectos, 14 espazos diferentes, máis de 140 monitores e monitoras ou 138 sesións de actividades.

Noites Abertas, dixo, "continúa a ser ese programa destinado para a mocidade con actividades de todo tipo e de toda clase, onde case todo o mundo atopará algo que lle resulte chamativo". "Teño que darlle os parabéns e os agradecementos ao equipo de Noites Abertas polo seu traballo excepcional, máis aínda nun ano coma este, coas súas dificultades orzamentaria", comentou o concelleiro.

"O cartaz deste ano é obra de Belén Diz, escollida pola comisión de festas de Noites Abertas e é extraordinario. Queda moitísimo traballo por diante e moitísima diversión", engadiu. Gómez tamén sinalou o "díficil" que é destacar unha ou dúas actividades dentro dun programa "tan grande e variado" e que pode consultarse na web oficial. "Realmente o que queremos ofertar é unha festa, ir aos espazos, ver que hai e participar de calquera proposta", indicou.

"Non hai que saber nada, non hai que incribirse, non hai que ter medo. Só ir a un sitio e gozar do que se oferta. Hai cociña, hai deporte, hai de socialización, hai de xogos, hai música…", destacou. Noites Abertas comezará esta mesma sexta feira con improvisación teatral, patinaxe, bádminton, defensa persoal, ioga, tenis de mesa, debuxo, pandeireta, baile tradicional ou fútbol sala: "Unha sinxela mostra do que está por vir".

Demetrio Gómez si quixo subliñar a "impor tancia de contar cun espazo" como é o 'Espazo aberto', onde calquera rapaz ou rapaza "pode acudir sen maior pretensión que coñecer xente, socializar e pasar un anaco acompañado doutras persoas que non buscan unha actividade guiada, senón pasar un anaco en compañía".

Dentro das actividades deste ano, cómpre destacar como novidade 'A máquina do tempo', unha proposta singular que rescatará actividades do pasado, que hoxe poden non ter moito sentido ou semellar desfasadas polo paso dos anos. Non se poderá saber que actividade ou proposta aparecera na nomeada máquina, mais, por poñer un exemplo, hai 25 anos unha das actividades estrela de Noites Abertas era 'Iniciación a Internet'.

Comentarios