Unha serie documental explora o mundo do órgano na Galiza

Catro capítulos de aproximadamente 20 minutos son os que poden achegar luz ao gran público sobre a historia deste instrumento e das persoas que xiran, e xiraron ao seu redor. Trátase de 'Corpo de vento: viaxe ao corazón dos órganos galegos' que se presenta esta quinta feira en Compostela.
Gravación na Igrexa da USC (Foto: Sirgo Torcendo).
photo_camera Gravación na Igrexa da USC (Foto: Sirgo Torcendo).

A serie Corpo de vento: viaxe ao corazón dos órganos galegos, preséntase esta quinta feira en Compostela. Este proxecto audiovisual de carácter documental, consta de catro capítulos sobre o mundo dos órganos e ten como obxectivo achegar a un amplo público ás paisaxes organísticas e á historia da organería na Galiza, con especial referencia ás persoas protagonistas deste descoñecido campo da música, do saber e da técnica.

Os capítulos, de aproximadamente 20 minutos cada un, abordan diferentes aspectos relacionados con estes instrumentos, desde o contexto xeral do órgano no país, até os principais instrumentos que se poden atopar en territorio galego, facendo tamén referencia aos organeiros (e á industria organeira galega ao longo da Historia) e ás e aos organistas do pasado e do presente.

A serie foi producida por Sirgo Torcendo, empresa que vén desenvolvendo un extenso traballo no ámbito da dinamización do patrimonio organístico (como o Proxecto de Catalogación dos órganos da Galiza ou o ciclo De Lugares e Órganos), baixo a dirección de Andrés Díaz e Belén Bermejo, e conta coa colaboración do actor de dobraxe Xosé Manuel Fernandez Castro (Pepes), da escritora Eva Veiga e do escritor Carlos Penela

Patrimonio por descubrir

Da inmensa riqueza que posúe a Galiza, desde o punto de vista do patrimonio histórico, os órganos son un dos elementos máis descoñecidos e esquecidos.

No país foi de gran relevancia a industria organeira ao longo dos séculos e foron moitas e prestixiadas as persoas que tiñan esta profesión e traballaron ao longo do territorio, e mesmo fóra das súas fronteiras. Igualmente, foi importante o número de organistas, tanto homes como mulleres, que exerceron en catedrais, mosteiros e colexiatas.

A historia dos órganos, organeiros e organistas forma parte dunha rica e diversa paisaxe por descubrir, dun universo que combina saberes técnicos e artísticos, xunto a toda unha intrahistoria, vencellada a espazos e elementos do patrimonio histórico e cultural galego.

A realización deste documental tivo como base un labor de investigación e de recompilación de documentación histórica para rastrexar a pegada da organería ao longo dos séculos e das e dos organistas que traballaron na Galiza e tamén no norte de Portugal.

Comentarios