O Museo do Pobo Galego instala un libro de condolencias na memoria de Dorothé Schubarth

Estará dispoñíbel no horario de apertura do museo

Libro de condolencias na lembranza de Dorothé Schubarth, dispoñíbel na entrada do Museo do Pobo Galego. (Foto: Museo do Pobo Galego)
photo_camera Libro de condolencias na lembranza de Dorothé Schubarth, dispoñíbel na entrada do Museo do Pobo Galego. (Foto: Museo do Pobo Galego)

Esta sexta feira, 8 de setembro, faleceu en Basel, Suíza, a etnomusicóloga suíza, Dorothé Schubarth. Dorothé, autora xunto con Antón Santamarina do Cancioneiro da Música Popular de Galicia. Schubarth fixo durante anos un inxente traballo relacionado coa recolla e custodia, análise e difusión do noso patrimonio musical tradicional.

A etnomusicóloga depositou no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego, do que era Patroa de Honra, as cintas orixinais das súas recollas por todo o longo e ancho do país galego. Tamén deixou na entidade as súas libretas de campo, as súas notas, as súas fotografías, os relatos das viaxes e as xentes que ela coñeceu, visitou e volveu visitar na busca dunha achega profunda ao noso modo de facer música, de cantar, de vivir...

Pero, sobre todo, sinala desde o Museo do Pobo Galego Concha Losada Vázquez, coordinadora do APOI e presidenta do Padroado do museo, “deixounos o seu exemplo de traballo, aquí a pé de nós, de tesón, de amor pola nosa música e pola Galiza”..

En agradecemento ao traballo desenvolvido pola etnomusicóloga, desde este sábado, 9 de setembro, na entrada do museo estará dispoñíbel un libro de condolencias na memoria da Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego, Dorothé Schubarth, “todo un exemplo de traballo, de tesón e de amor polo noso patrimonio musical tradicional”.

Esperamos que todas as xentes da música da Galiza, todas as persoas que gozastes e gozades do seu legado e que o apreciades, poidades deixar as vosas mensaxes”

“Esperamos que todas as xentes da música da Galiza, todas as persoas que gozastes e gozades do seu legado e que o apreciades, poidades deixar as vosas mensaxes”, expresa Losada nun comunicado. O libro de condolencias estará accesíbel en horario de apertura do museo durante estes días, completándose ademais cun enderezo de correo, [email protected], onde recibirán as mensaxes de quen non poida acercarse fisicamente a deixalas.

O APOI compilará finalmente os documentos recibidos e fará público o conxunto para, entre todas e todos, “facer posíbel unha homenaxe que Dorothé merece tanto”.

Comentarios