Contracultura

Valentín García: "Murguía é un historiador profesional que tece o principio da historia da Galiza moderna"

A celebración e lembranza do centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923) trae este ano a súa obra e figura á actualidade. Sobre o que representou e representa hoxe, Nós Diario conversou co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, cuxo departamento colaborou co especial Sermos Galiza dedicado ao autor. 
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. (Foto: Nós Diario)

—Que salientaría da figura e da obra de Manuel Murguía?
Foi un home que tivo toda unha vida dedicada ao rexurdimento da Galiza. Murguía, nunha vida que foi longa afortunadamente, ten moitas facetas. Unha delas foi ordenar e documentar o que logo coñeceriamos como o período do Rexurdimento no século XIX.

Como arquiveiro, clasificou todo o que tiña que ver cos movementos provincialista e rexionalista. Ademais, creou institucións como a Real Academia Galega e estivo en contacto con todas aquelas persoas que facían poesía, música ou artigos de prensa sobre calquera aspecto que tivese a ver coa Galiza. Deulle visibilidade a toda esa xente espontánea que aparecía nesa época.

Murguía foi o primeiro en crear unha estrutura na Galiza, da forma como podía facelo naquel momento e cunha maneira moi persoal. Tiña moi pouco apoio e moi puntual das institucións e persoas que daquela había. Non podemos esquecer, tampouco, o seu traballo como historiador.

Evidentemente, tamén hai que ter en conta o feito de ser o marido de Rosalía de Castro. Non se explica o fenómeno de Rosalía de Castro se non estivese Murguía. Axudoulle a publicar e darse a coñecer como escritora cando naquela altura non era fácil para unha muller. Despois da morte de Rosalía, ordenou a súa obra, construíndo a figura de Rosalía como poeta e símbolo da Terra.

—O interese por crear institucións e a procura da historia da Galiza foron da man en Murguía?
Vai unido ao período histórico que viviu, no que había que facer de todo. Foi o momento de florecemento dunha nova lírica galega e dunha forma de ver a Galiza doutra maneira. Como suxeito cultural e mesmo político íntegro, Murguía tivo posturas que hoxe sorprenden nos seus discursos.

Hai que analizalo tendo en conta o seu momento, vén do final da Restauración e das guerras carlistas collendo, aínda que maior, as Irmandades da Fala. É un período de constitución onde non se coñecía con precisión a lírica medieval nin a historia do Reino da Galiza. Pondal, Curros Enríquez visibilizaban a historia a partir da súa obra, mais non a traballaban. Murguía é un historiador profesional e tece o principio da historia da Galiza moderna.

—Nesa multiplicidade de iniciativa como encaixa a creación de símbolos?
Está na bandeira, no himno e tamén na formulación do mito celta. Tiña que fundamentar os alicerces da Patria nun momento en que outros pobos de Europa tamén o facían. Quería explicar por que somos unha nación, un país significado e traballa o controvertido mito celta e o celtismo.

Nunhas cuestións acertaron máis e noutras menos, evidentemente non contaban cos medios nin cos coñecementos que hai hoxe. Aparecen cuestións controvertidas, entrando en conflito con xente que tiña outra óptica como Marcial Valadares, Pardo Bazán o Benito Vicetto. Penso que non debemos xulgalos cos ollos de hoxe. Falamos dunha Galiza moi diferente á actual.

—Como foi a relación de Murguía coa lingua?
É un tema controvertido. Era un férreo defensor da lingua galega e como mostra está a creación da propia Real Academia Galega ou a defensa que fai da lingua en todos os seus escritos. Mais non podemos negar que o fixo desde o castelán. A razón está explicada polo seu propio contexto. Murguía era un burgués, un alto funcionario que traballaba nunha contorna urbana e estaba instalado no castelán. 

Hai quen di que ten que ver a súa lingua materna... eu creo que Murguía tiña que saber falar galego. Non conservamos nada gravado, só contamos cun discurso realizado en lingua galega con motivo dos Xogos Florais de Tui de 1891. Será unha obra que conseguimos e publicaremos agora desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Comentarios