Manuel Murguía protagoniza o novo número do 'Sermos Galiza'

Conmemoramos o centenario do seu pasamento cun número especial do semanario que se venderá nos quiosques, canda o 'Nós Diario', esta fin de semana.
Manuel Murguía nun retrato de Quintas Goyanes cedido á Real Academia Galega.
photo_camera Manuel Murguía nun retrato de Quintas Goyanes propiedade da Real Academia Galega. (Foto: Cedida)

O día 2 de febreiro conmemórase o centenario do pasamento de Manuel Murguía e Sermos Galiza quere sumarse á súa lembranza cun número no que dúas reportaxes e unha entrevista estarán dedicadas á memoria de quen foi alcumado como o último precursor. Murguía foi máis que un precursor, foi, talvez, a pedra angular sobre a que se construíu o nacionalismo moderno.

Así o lembra Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., no seu artigo 'As candeas de Murguía', no que debulla como a lingua, as institucións que fundou ou axudou a crear, e os símbolos que potenciou foron os piares nos que se apoiou un traballo de construción nacional que marcou o horizonte vital de todo o seu traballo.

Un traballo que Henrique Rabuñal vén de resumir e analizar no seu volume Murguía. Un século despois. Na entrevista que lle fai Montse González, Rabuñal reforza esa idea dun home volcado no seu labor de rescatar a historia propia do país e de pór todos os seus esforzos ao servizo da nación galega na que cría sen  vacilacións; e, como parte desa tarefa, a defensa da imaxe e da obra de Rosalía de Castro.

Patricia Carballal Miñán deita luz sobre a figura de Alejandra Murguía, a maior das fillas do matrimonio de Murguía e Rosalía, que serve como testemuña inmellorábel do ambiente intelectual que reinaba na casa da parella.

Con este número, que ademais manterá o resto das seccións de todas as semanas, Sermos Galiza rende homenaxe e quere contribuír a un mellor coñecemento dunha figura fundamental da Historia da Galiza que, porén, aínda non ten todo o recoñecemento que merece a súa obra.

Este número especial do semanario cultural Sermos Galiza dedicado a Manuel Murguía estará á venda nos quiosques do país esta fin de semana. Como é habitual, por un prezo de 3,20 euros canda o xornal Nós Diario.

Comentarios