A Real Academia inicia os actos do aniversario

A Coruña lembra Murguía no centenario do seu pasamento

A Real Academia Galega e o Concello da Coruña abren o calendario de celebracións do centenario do pasamento Manuel Murguía. Ambas as institucións instalaron no cemiterio de Santo Amaro unha placa conmemorativa coa cita «O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos», extractada do discurso do homenaxeado nos Xogos Florais de Tui.

A Alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o Presidente da RAG, Víctor Frixanes, ante a tumba de Murguía. (Foto: RAG)
photo_camera A Alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o Presidente da RAG, Víctor Frixanes, ante a tumba de Murguía. (Foto: RAG)

O canto á lingua e á nacionalidade galegas que Manuel Murguía presentou na apertura dos Xogos Florais de Tui (1891) volveu ouvirse no mediodía de hoxe no cemiterio coruñés de Santo Amaro na voz de Margarita Ledo. A académica, profesora de Xornalismo e cineasta deu lectura a unha versión adaptada para a ocasión de fragmentos da histórica alocución ao pé da tumba de quen foi o primeiro presidente da Real Academia Galega (RAG), na véspera do centenario do seu pasamento, nun acto organizado pola propia RAG e o Concello da Coruña no que se descubriu unha placa cunha síntese daquel discurso gravada: "O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos". 

Tras a descuberta da placa -deseñada por Pepe Barro, creador tamén do proxecto gráfico de Nós Diario-, a ofrenda con coroa de loureiro e a interpretación do Himno Galego por parte da Banda Municipal de Música da Coruña, a homenaxe continuou no pazo de María Pita, onde o académico e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, repasou o seu legado. "Murguía foi a clave de bóveda da cultura galega do século XIX", dixo, "pero tamén o profeta que anunciou as liñas mestras do futuro", salientando a súa capacidade para desenvolver "a construción simbólica da nación".

 

Síntese dos precursores

A Coruña, a cidade onde Murguía desenvolveu unha parte considerábel do seu traballo, acolleu o inicio das celebracións institucionais do centenario do pasamento de quen foi, a xuízo de Vicente Risco, un dos mellores intérpretes da cultura galega, "unha síntese do esforzo dos precursores", lembrou Ramón Villares nun acto no que tamén interviron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a alcaldesa da Coruña, Inés Rei; e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. 

"Honrar a memoria de Manuel Murguía é honrar a todos os que en distintas etapas foron construíndo e seguen construíndo o país. Galiza existe porque eles a soñaron antes [...]. Cada elo fai máis forte o elo anterior e reafirma os pasos que aínda virán", reflexionou Freixanes. 
A conmemoración prosegue hoxe na Fundación Luis Seoane coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía, que continuarán o 9 e 16 de febreiro no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro, na Casa da Matanza de Padrón. 

 

Xornadas na Coruña, Santiago e Padrón

O director da Sección de Historia da RAG e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, coordinan as Xornadas Manuel Murguía, que serán inauguradas o día 2, ás 17 horas, na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). Os encontros, que contan co apoio económico da Xunta de Galiza e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello da Coruña e a propia Fundación Luis Seoane, reunirán especialistas de distintos campos para actualizar as olladas arredor das contribucións do intelectual ás institucións, á idea de Galiza e á relación entre literatura e nación.

A xornada do 2 de febreiro xuntará nunha mesa redonda o académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Ínsua. Xosé Luís Axeitos -coeditor xunto a Xosé Ramón Barreiro, do epistolario do intelectual custodiado na Academia-, afondará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.

A sesión do 9 de febreiro na Universidade de Santiago contará coas achegas dos historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz, e rematará cunha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC formado por Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola.

As xornadas concluirán na Fundación Rosalía de Castro o 16 de febreiro. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, moderará a mesa sobre literatura e nación que contará coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña. A música do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro poralles o ramo aos encontros.

Comentarios