Catro murais galegos optan a ser os mellores do mundo en 2025

A plataforma internacional Street Art Cities inclúe a obra itinerante da artista Eva Casais entre os 50 mellores murais do ano, abrindo unha votación popular que pode situar de novo a arte urbana galega na elite mundial. Xunto á obra da viguesa figuran outras tres con raíces galegas: as de Mon Devane, DiegoAS e Delio Rodríguez.

Mural solidario pintado por Eva Casais. (Foto: Street Art Cities)
Mural solidario pintado por Eva Casais. (Foto: Street Art Cities)

O traballo da artista viguesa Eva Casais volve traspasar fronteiras. A súa creación mural, concibida como unha acción solidaria en defensa dos dereitos dos animais, foi seleccionada pola prestixiosa plataforma de arte urbana Street Art Cities entre os 50 mellores murais realizados no mundo en 2025. Desde agora e até o 31 de xaneiro, é posíbel votar para escoller a obra gañadora do certame anual, o máis prestixioso do circuíto internacional da arte urbana.

Non é a primeira vez que a peza de Casais alcanza recoñecemento global. En agosto de 2025 foi elixida mellor mural do mundo do mes, un fito que lle abriu automaticamente a porta á competición anual. A obra naceu vinculada ás protectoras de animais e axiña se converteu nun proxecto nómade: comezou na protectora Os Biosbardos, en Ponteareas, e continuou o seu percorrido pola Protectora do Morrazo e pola asociación Os Cadeliños.

Trátase dun traballo realizado de maneira altruísta, con materiais doados en Vigo, pensado para "dar voz" ás entidades que coidan animais abandonados e para deixar testemuña do clamor social que reclama políticas de protección animal máis ambiciosas.

Alén do seu valor estético, o mural adquiriu unha dimensión simbólica que medrou co paso do tempo. O seu carácter itinerante permitiu que a mensaxe se adapte a novos espazos e públicos, reforzando a idea de que a arte urbana pode ser tamén ferramenta de conciencia social. Street Art Cities, considerado o maior atlas dixital de murais do mundo, encárgase de rexistrar e dar visibilidade a estas intervencións a escala global.

Talento galego na elite mundial

Aliás, a presenza galega na carreira polo mellor mural do mundo en 2025 non se limita á obra de Eva Casais. Tamén o artista ourensán Mon Devane opta a facerse co recoñecemento internacional tras resultar gañador do mellor mural do mes de xullo na mesma plataforma. No seu caso, o mural foi realizado na aldea de Castiñeiro, no concello de San Xoán de Río, na comarca de Terra de Trives, e ten como protagonista Juan Pérez, un afiador de 89 anos que Devane retrata como símbolo vivo dunha xeración de artesáns galegos e de emigrantes que marcaron a historia social e económica do país.

MON DEVANE
'Juan, o afiador', de Mon Devane.

A nómina galega complétase con outros dous nomes que tamén entran na carreira polo mellor mural do mundo tras seren gañadores mensuais na plataforma Street Art Cities. O artista lucense DiegoAs conseguiu o recoñecemento polo mural Tanto golpear, realizado en Moratalla, unha obra realizada no marco das XXXVIII Xornadas Nacionais de Exaltación do Tambor e o Bombo.

'De tanto golpear' de DiegoAS.
'De tanto golpear' de DiegoAS.

Xunto a el, tamén opta ao galardón anual o vigués Delio Rodríguez, recoñecido polo mural As festas do Carme, pintado nas Pontes de García Rodríguez. A súa obra converte unha tradición popular profundamente enraizada na vila nunha escena monumental, chea de cor e movemento, que celebra a cultura festiva e o patrimonio inmaterial galego.

'Festas do Carmen', de Delio Rodríguez.
'Festas do Carmen', de Delio Rodríguez.

O éxito potencial das obras de Casais, Devane, DiegoAs e Delio insírese, ademais, nunha traxectoria recente da street art galega no panorama internacional. En 2024, a artista de Baiona Lula Goce alcanzou a prata mundial co mural A dona do Esteiro, e tamén en 2025 dous murais con raíces galegas volveron con galardóns de ouro: Ocelote ornamental de Tirso Paz e Charanguista Andino de Cristóbal Persona. Só tres exemplos recentes de que a creación feita na Galiza pode competir ao máis alto nivel.

A decisión final sobre a que será a mellor obra mural de 2025 está, agora, nas mans do público.

Comentarios