Galiza volve situarse no máis alto da arte urbana mundial

Un mural pintado en Fene e outro do lucense Bublebum destacaron no concurso que cada ano organiza a prestixiosa plataforma Street Art Cities.

'Ocelote Ornamental', pintado or Bublegum en Cheste, País Valencià. (Foto: Street Art Cities)
'Ocelote Ornamental', pintado or Bublegum en Cheste, País Valencià. (Foto: Street Art Cities)

Catro murais con raíces galegas aspiraban a facerse co galardón de máximo prestixio da arte urbana. No concurso, que cada ano organiza a plataforma Street Art Cities e a través do cal se elixen as mellores obras pintadas ao logo dos doce meses que a Terra tarda en dar unha volta ao sol, participaban nesta ocasión Charanguista andino, pintado polo chileno Cristóbal Persona en Fene (Ferrolterra) para a segunda edición do Perla Mural Fest; Rinascimento, pintado en Italia, e Ocelote Ornamental, en Cheste, ambos os dous do lucense Tirso Paz, máis coñecido como Blublegum; e Rompe o estabelecido, que Diego AS realizou en Linares.

Catro obras que constatan que a Galiza reborda creatividade e excelencia no eido do muralismo urbano, pois dúas delas volveron con cadanseu premio. Blublegum fíxose co premio ao Mellor Mural do Mundo na categoría ‘Artist Choice’ de Street Art Cities coa súa obra Ocelote Ornamental. O mural foi realizado dentro do festival Grafittea Cheste, seleccionado por un xurado composto por recoñecidas artistas e votado posteriormente polo público como o mellor do ano.

Ocelote Ornamental.

Para o artista, recibir este premio representa un fito na súa carreira. “Faime especial ilusión porque a selección inicial fixérona artistas de renome, valorando a técnica, o estilo e o concepto da obra. Non agardaba gañar, pero alégrame e agradezo a todas as persoas que me votaran”, expresa Tirso Paz. Ademais, Rinascimento, que tamén foi finalista na categoría ‘Best Of the World’, alcanzou o posto 25 da votación global.

Pola súa parte, o Charanguista Andino de Cristóbal Persona converteuse no terceiro mellor do mundo, na categoría ‘Best Of the World’ do concurso de Street Art Cities. Este premio converte Fene nunha referencia da arte urbana, xa que na mesma vila está o mural realizado polo artista urbano madrileño Sfhir que logrou a distinción de mellor mural do mundo no ano 2023, cun traballo sobre unha fachada no que se pode ver unha muller que toca o violonchelo.

'Charanguista andino', mural de Cristóbal Persona para a segunda edición do Perla Mural Fest. (Foto: Street Art Cities)
'Charanguista andino', mural de Cristóbal Persona para a segunda edición do Perla Mural Fest. (Foto: Street Art Cities)

Os mellores murais do mundo

Os premios Street Art Cities son considerados os Oscar da arte urbana, e nesta edición contaron coa participación de 97 artistas de 29 países, con máis de 310.000 votos emitidos. O Estado español tivo un papel destacado na competición, con 18 murais nomeados e obtendo tamén a prata e o bronce na categoría do voto popular.

Na sección ‘Best Of the World’, o mural gañador foi The Bull do artista portugués Nuno Miles, situado en Guarda. Pola súa parte, na categoría ‘Expert Spotlight’, o galardón foi para Echoes of Harmony de Studio Giftig, en Eindhoven.

Comentarios