Xornadas o 17 e 18 de decembro

A muller na industria musical, a debate na Coruña

As xornadas organizadas pola Asociación Mulleres da Industria da Música (MIM) o vindeiro 17 e 18 de decembro na Coruña teñen un obxectivo: “Crear un debate aberto e notorio sobre feminismo e industria musical e planear estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade”.
 

centro cívico a coruña
photo_camera Centro Cívico Cidade Vella da Coruña, onde se desnevolverán as xornadas sobre a muller na industria musical. Foto: Concello da Coruña.

Con esa finalidade convocaron, no Centro Cívico Cidade Vella e co apoio do Concello, membros de asociacións de ámbito estatal, internacional ou nacional, entre estas últimas Mulleres Galegas Kañeras, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou Músicas ao Vivo. “Os debates perseguen ir máis alá dos clásicos discursos das mesas redondas”, sinalan as organizadpras.

Segundo explica Mulleres da Industria da Música -asociación estatal constituída en 2016 e con máis de 300 asociadas-, os dous días de encontro tratarán “diferentes eidos, e percorrerán a situación actual do sector na Coruña, a visión de diversas administracións públicas, o uso do corpo da muller na música ou a necesidade de cotas na programación”.

Os contidos


A xornada da segunda feira, 17 de decembro, abrirá coa benvida da presidenta da entidade organizadora, Carmen Zapata. Despois, a partir das 11, debaterase sobre “a situación actual da industria musical na Coruña”. O segundo dos paneis, ás 12.45 horas, versará sobre “a administración pública e a igualdade na industria musical”.

De tarde, despois das 16.30 horas, o tema tratado será “o uso do corpo da muller na música, da cousificación ao empoderamento”. “Entidades e redes, formas distintas e complementarias de impulsar a igualdade” servirá para dar conta de, entre outras cousas, “as máis de 20 asociación feministas relacionadas coa música formadas en Europa dende 2016”. Será ás seis da tarde.

A segunda xornada, terza feira, comezará ás 11 horas coa mesa Tecendo redes: colectivos galegos construíndo en perspectiva de xénero. Ás 12.45 horas, discutirase sobre “responsabilidade nos obxectivos de cambio e equeilibrio de xénero nas programacións” e responderase á pregunta de se “¿pode ser o boiciot unha nova forma de presión e empoderamento?”.

A tarde estará, outra vez, dividida en dúas sesións. A inicial, ás 16.30, dedicada á “igualdade na programación musical, cotas e outras medidas”. Na segunda e final exporanse as conclusións das xornadas e “definiranse obxectivos e liñas de traballo para 2018”.

Comentarios