El estado de las cosas foi, xustamente, unha das tres pezas que Muguruza rescatou da súa impresionante traxectoria musical no concerto do sábado na Sala Capitol de Compostela. Presentaba B-Map 1917+100, o disco facturado o pasado ano canda o dúo catalán -sintetizadores e aparellos varios- The Suicide of Western Culture en homenaxe á continuidade histórica do xesto revolucionario ruso. Sobre o escenario, eles tres mais o descomunal guitarrista Karlos Osinaga, coñecido polos seus labores en Lisabö.
Se o programa estético de Muguruza vén de dar un valente xiro cara á aspereza e a escuridade -adeus Xamaica-, o programa político mantense. Cada un dos temas que degrañou sobre o palco da Capitol viña acompañado do seu correspondente videoclip, proxectado a toda pantalla, en que desfilaban o Mariscal Tito, Black Panthers, a resistencia kurda, cataláns votando, A Batalla de Alxer. O calculado xogo de luces engadía sensación de asfixia ao que o músico vasco cualifica como a súa obra “máis dura en 20 anos”. A autorreferencia que marca nas entrevistas é Ireki Ateak, o seu rexistro de 1997 con Dut.
B-Map 1917+100 soou ao completo. Dez cancións sobre dez cidades cuxo topónimo empeza por b. Un mapa sentimental e ao tempo actual -Belfast, Bilbo, Beirut, Belgrado...- do activismo global co que se identifica Muguruza. Unha nova advertencia de que o verdugo ten mil caras, cuxa potencia e percorrido en directo exceden amplamente as da gravación fonográfica. Sen nostalxias. A desfiguración electrónica de Zu atrapatu arte (Kortatu) e mais de Itxoiten, do disco negro de Negu Gorriak que fai un cuarto de século, non poderían considerarse tal. O Fermin Muguruza de B-Map non mira atrás.
Sexa pola tensión que desatan The Suicide of Western Culture e as intensas cambras de Osinaga e o inaudito da proposta, sexa pola coincidencia con outros eventos e celebracións, a sala compostelá ficou a medio encher. Nas táboas, a circunstancia non pareceu importar. Como prologuistas oficiaron Ezetaerre, hip hop de combate en galego aos que non acompañou a ecualización. Non obstante, agochan talento para as melodías urbanas entre os seus chamamentos á insurreción.