Paula Ballesteros-Arias: " Galiza está nun proceso de cambio, a illa de Ons tamén, e quéroo amosar en 'Ons soa'"

Paula Ballesteros-Arias centrouse no estudo da paisaxe agraria actual na Galiza e tamén formou parte de equipos de traballo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A comezos de abril participou na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que organiza o Museo do Pobo Galego, coa mostra "Ons soa", unha exposición que conxuga material gráfico, audiovisual e sonoro e que resulta dos seus traballos e da súa experiencia vital na illa.
PAULA_BALLESTEROS_02
photo_camera Formada como antropóloga e arqueóloga, Paula Ballesteros-Arias pescuda sobre a paisaxe rural galega. (Foto: Nós Diario)

"Ons soa" pode visitarse até o 30 de maio no Museo do Pobo. En que consiste?

Trátase dunha exposición composta por materiais gráficos, audiovisuais e sonoros e é un relato persoal de longo percorrido, de aí tamén o título, "Ons soa". A maior parte dos elementos expostos proceden dun traballo de investigación que fixen entre 2009 e 2013 , mais tomo como referencia as miñas estancias na illa desde finais dos 80. O traballo de investigación ao que me refiro foi unha publicación titulada Ons, unha illa deitada, resultado dunha pescuda que fixemos un grupo de persoas no Incipit e que tiña por obxectivo documentar o patrimonio cultural da illa, material e inmaterial, con metodoloxía arqueolóxica e etnográfica.

Mais nesta exposición non quería repetir unicamente algunhas imaxes que deran conta dese traballo, senón tamén, precisamente porque levaba moito tempo acudindo á illa e para min era un espazo especial, as moitas imaxes que fixen ao longo da miña vida quería incorporalas, contar algo máis. Narrar en primeira persoa a miña experiencia, non só como arqueóloga e etnógrafa, senón como visitante, como turista, como espectadora. 

Como chega á 16ª MICE?

A idea xorde, precisamente, porque o Museo do Pobo viu esta publicación electrónica que fixen co Incipit e consideraron que podía ser un bo proxecto para incorporar, posto que non só é un relato fotográfico, tamén é sonoro e visual e, por tanto, encaixaba perfectamente na política da MICE. Ten que ver coas paisaxes sonoras, ademais de ser un traballo etnográfico, todo contribuíu a que encaixase no Museo do Pobo. E chegamos coa proposta en moi pouco tempo porque nos gustou e mergullámonos no proxecto. Logo de aquí, interésame non só levala a zonas de costa, á propia Ons, e tamén achegala ao interior, para escoitar alí a paisaxe sonora da illa.

Na MICE participou nunha charla co director de Ons, Alfonso Zarauza. Que teñen en común as súas visións?

Estivo con nós Roberto Castiñeiras, que foi vixiante da illa de Ons durante un tempo. Foi unha conversa arredor da illa, a petición nosa, para dar o noso punto de vista. Tanto Zarauza coma min estivemos na illa de forma intermitente pero Roberto viviu nela, así que era outra experiencia. Uníanos o feito de estar nunha illa que está habitada e que vive un proceso, non de desaparición da súa cultura vital, pero si quizais de desintegración ou de cambio. Tamén Zarauza dá conta diso en Ons a través das imaxes, podemos ver que hai unha illa habitada e un momento de cambio, aí pode estar o nexo.

É extrapolábel a situación da illa ao resto da sociedade?  

É. Estamos nun proceso de despoboamento, un momento de cambio que se dá en todo o país. É certo que na illa é singular, mais destacado polo feito mesmo de ser unha illa, pola identidade que confire ese feito e por determinados condicionantes, como non ser propietaria da túa casa, por exemplo. Pero despois, os procesos de desintegración ou cambio de ciclo suceden en todo o territorio.

De feito en "Ons soa" o que quixen, coa selección de imaxes e sons, foi facer referencia a estes conceptos, como o contraste na paisaxe da illa en canto á súa morfoloxía, o espazo máis domesticado ou transformado, o espazo social... E por outro lado o equilibrio que hai nesa mesma paisaxe, o mar e a terra, o mundo simbólico, o dos vivos e o dos mortos. A espectadora vai atopar imaxes máis explícitas e outras máis conceptuais ou abstractas que fan referencia a ese cambio de ciclo. 

Comentarios