mércores 26/01/22

O Mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, é declarado BIC

A Xunta destaca esta construción como o conxunto barroco “máis valioso” da Galiza. Coa súa consideración de Ben de Interese Cultural garántese a súa conservación.

Detalle dun retablo da igrexa. (Foto: Xunta da Galiza)
Detalle dun retablo da igrexa. (Foto: Xunta da Galiza)

O mosteiro compostelán de San Martiño Pinario vaise incluír no catálogo de patrimonio cultural do país grazas a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Executivo galego esta quinta feira.

O decreto abrangue tamén a protección duns 200 bens mobles que están no interior desta céntrica edificación pegada á catedral.

Na colección hai elementos de diferentes etapas históricas cun “valor cultural, histórico e artístico”, unha consideración avalada pola Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega.

Transcende que no conxunto hai “desde o fondo documental e bibliográfico, os bens relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central, incluída a maquinaria dedicada á imprenta, encadernación e libraría, a botica, as coleccións que se atopan no mosteiro vinculadas ao patrimonio científico e técnico, así como roupa litúrxica dos séculos XVI e XX, entre outros”.

O recoñecemento, que garante o mantemento do espazo, entrará en vigor unha vez se publique no Diario Oficial da Galiza (DOG), se ben xa é unha boa noticia a finalización dun proceso que comezou en novembro do ano pasado.

Malia que os prazos parezan longos segundo o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, se cumpriu o compromiso de “axilizar ao máximo” o expediente para avanzar na protección dos bens culturais do país.

Entre as xustificacións da Xunta para tomar esta importante decisión sobre o patrimonio está o feito de que San Martiño Pinario é “o conxunto barroco máis valioso da Galiza”.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O Mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, é declarado BIC
comentarios