Morre o británico Jeff Beck, lenda da guitarra, aos 78 anos

O artista padecía unha meninxite bacteriana que provocou o seu pasamento esta terza feira.
O guitarrista Jeff Beck, nun concerto. (Foto: Ralph Arvesen / Zuma Press)
photo_camera O guitarrista Jeff Beck, nun concerto. (Foto: Ralph Arvesen / Zuma Press)

O lendario guitarrista Jeff Beck, nado en Wallington (Inglaterra) en 1944 e membro de diferentes bandas exitosas das décadas dos 60 e 70, faleceu o pasado 10 de xaneiro aos 78 anos de idade, segundo informaron os seus representantes na tarde desta cuarta feira. Beck é considerado un dos guitarristas máis importantes na historia do rock.

"Despois de contraer meninxite bacteriana repentina, faleceu pacificamente onte [pola terza feira]. A súa familia pide privacidade mentres procesan esta tremenda perda", indicaron os representantes no seu perfil oficial de Twitter.

Cos seus potentes arranxos de temas de blues e a intercalación de guitarra e voz, moitas persoas expertas apuntan que o músico británico estabeleceu as bases do heavy metal.

A súa grande oportunidade chegou cando Eric Clapton abandonou The Yarbirds en 1965 e tornou no guitarrista da banda. En 1967 formou The Jeff Beck Group co vocalista Rod Stewart, o baixista Ron Wood, o batería Aynsley Dunbar, substituído rapidamente por Mickey Waller, e o teclista Nicky Hopkins, quen se uniu a principios de 1968.

Obsesionado por formar un trío con Tim Bogert e Carmine Appice, ex integrantes do grupo estadunidense Vanilla Fudge, e tras recuperarse dun accidente automobilístico que o mantivo inactivo por máis dun ano, Beck logrou o seu obxectivo en 1972 materializando a banda Beck, Bogert & Appice.

Tempo despois lanzouse a gravar álbums en solitario. A lendaria guitarra de Beck colaborou con artistas como Tina Turner, Mick Jagger, Roger Waters, Jon Bon Jovi, Rod Stewart, Murray Head, Stevie Wonder, Stanley Clarke ou Jan Hammer.

Comentarios