CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Melanie, apocalipse zombi con pingas de filosofía

girlallgifts2
photo_camera Un fotograma do filme

MELANIE. THE GIRL WITH ALL THE GIFTS

(Reino Unido 2016, 111 min.)

Dirección: Colm McCarthy

Guión: Mike Carey

Fotografía: Simon Dennis

Música: Cristobal Tapia de Veer

Elenco: Sennia Nanua, Glenn Close, Gemma Arterton, Paddy Considine, Anamaria Marinca, Dominique Tipper, Anthony Welsh, Fisayo Akinade

SINOPSE

A humanidade adoece as consecuencias dun virus zombi. Os científicos investigan unha segunda xeración de portadores metade humanos, metade famentos.

CRÍTICA

Semellaba que xa non quedaba moito por espremer das pelis de zombis mais, de cando en vez, aparecen propostas ben apetecíbeis que propoñen unha nova volta de parafuso a este particular subxénero. A imaxinativa premisa de Melanie. The Girl with All the Gifts xa debería ser máis que suficiente para espertar o máximo interese entre a audiencia: “tras unha apocalipse zombi, provocada por unha bacteria saída dun fungo mutante, emerxe unha xeración de crianzas portadoras da enfermidade mais coa capacidade de razoar. Algo así como medio zombis, medio humanas. Mentres un equipo médico-militar estuda o seu comportamento nunha especie de Guantánamo para zombis, a doutora Caldwell trata de sintetizar unha vacina que logre salvar á humanidade, ou o que queda dela...”. A historia está baseada na novela homónima de Mike Carey que tamén guioniza. Os seus inicios coma colaborador de novelas gráficas e banda deseñada nótanse na narrativa desta sorte de secuela “non oficial” de 28 semanas despois (2007, Juan Carlos Fresnadillo) mesturada con The Walking Dead, Mad Max 2 (1981, George Miller), O último home vivo (1971, Boris Sagal) e Quen pode matar a un neno (1976, Narciso Ibáñez Serrador). Dirixe o escocés Colm McCarthy, máis pródigo en series de televisión (Sherlock ou Doutor Who) mais, aparte de prescindir de recorrentes deixes televisivos, amosa un sorprendente bon oficio no manexo de espazos e da tensión que lle valeron unha indicación aos BAFTA deste ano. Encabeza o reparto a camaleónica Glenn Close (Mars Attacks), como a doutora Caldwell; secundada polo sempre solvente Paddy Considine (Benvidos á fin do mundo), que se mete na pel dun rudo soldado; e a voluptuosa Gemma Arterton (Byzantium), unha mestra encargada de educar ás crianzas mutantes ao tempo que amorea os suspiros de medio complexo militar, incluídos os da moza que dá nome ao filme: Melanie, interpretada pola xoven debutante Sennia Nanua (Mellor Actriz no pasado Festival de Sitges). Melanie é unha educada, intelixente e doce nena de trece ans cun único defecto: ponlle frenética o cheiro da carne humana. A priori xa dá certo calafrío, non si? Porque... que hai máis terrorífico que unha crianza de sorriso anxelical, sedenta de sangue e ansiosa pola carne crúa? Apocalipse-zombie, suspense, violencia, morte, mais tamén reflexión, esperanza e humanidade. The Girl with All the Gifts ofrece iso e moito máis, sobre todo destaca a morea de disxuntivas filosóficas e referencias á mitoloxía grega que se van deixando caer durante a metraxe: desde a caixa de Pandora, pasando polo mito da caverna, o gato de Schrödinger ou reflexións sobre se “soñan os zombies con ovellas zombies”... Un filme altamente recomendábel para amantes das pelis de zombis que anden á procura de algo diferente. Unha das pequenas xoias da tempada.

Comentarios