A Deputación da Coruña recuperará nunha gran Gala os seus Premios Culturais

Os galardóns dos Premios Culturais do organismo provincial que se tiveron que adiar nos exercicios 202 e 2021 pola pandemia da covid entregaranse o vindeiro sábado 23 de abril nun gran evento no Teatro Colón.
Xurxo Couto, acompañado de Carmen Méndez e Lidia Veiga (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Xurxo Couto, acompañado de Carmen Méndez e Lidia Veiga (Foto: Deputación da Coruña).

A Deputación da Coruña presentou na cuarta feira a que será a gran Gala dos seus Premios Culturais, un evento que reunirá os galardóns dos exercicios 2020 e 2021  no Teatro Colón o sábado 23 de abril. Polo escenario pasarán as 31 persoas premiadas e perto de 150 máis que participaron no desenvolvemento destes premios.

"Suporá posibelmente o maior encontro cultural do ano e do país", indicou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, na rolda de prensa onde se anunciou o acto.

Acompañado polas actrices que guiarán o acontecemento, Carmen Méndez e Lidia Veiga, asegurou que a iniciativa que preparan "non se parece a ningunha outra que se teña realizado, porque xunta a persoas de disciplinas moi diversas e de diferentes ámbitos culturais". 

Na Gala actuará Celso F. Sanmartín e a formación musical Son Trío, con Su Garrido Pombo, Katerina Linke, e Susana Blanco. Todas as persoas premiadas recibirán unha escultura creada para a ocasión pola artista noiesa Soledad Penalta.

Premios e disciplinas

Carmen Méndez, pola súa banda, salientou a diversidade de disciplinas que conforman as convocatorias que inclúen 5 premios literarios -o Torrente Ballester de narrativa, o González Garcés de poesía, o Dieste para textos teatrais, o Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil e o Manuel Murguía de ensaio-, 5 premios de artes visuais -o Ksado de creación fotográfica, o Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, o Jesús Núñez de artes gráficas, o Antón Fraguas de artesanía e o Castelao de banda deseñada-, 3 premios de música -o Narf para artistas e grupos musicais, o Andrés Gaos de composición musical e o Quero Cantar para bandas infantís e xuvenís-, e 2 premios para a acción cultural -o Rosalía de Castro de dinamización da lingua e o Begoña Caamaño para a igualdade de xénero-. 

Lidia Veiga, polo seu lado, gabou o traballo das persoas que participaron en todo o proceso de organización do evento en tarefas de xurados, comisariado e comisións lectoras. Ademais, a actriz explicou que a escultura de Soledad Penalta "trátase dun 'c' realizado en aceiro que representa o 'c' de Cultura e o 'c' de Coruña, e que está suxeitado na base por siluetas que para min representan á xente que sostén e que eleva a cultura deste país".

Comentarios