Contracultura

María Solar: "Vivimos nunha sociedade que non admite o diferente nin acepta outras verdades"

María Solar (Santiago de Compostela, 1970) vén de publicar 'Adeline' (Xerais), novela finalista do premio Jules Verne da editorial e que trae a historia de Carmilla ao contexto galego actual.

María Solar é xornalista e escritora. (Foto: Nós Diario)
photo_camera María Solar é xornalista e escritora. (Foto: Nós Diario)

—Por que quería facer un retelling de Carmilla?
Hai moitísimo que quería escribir este libro. Cando lin Carmilla, fascinoume. Para min foi unha descuberta que a primeira novela do xénero vampírico estivese protagonizada por unha vampira. Drácula devorou a Carmilla, pero apareceu 25 anos despois. Carmilla realmente sentou as bases da novela vampírica. Ademais, a protagonista era unha rapaza adolescente que seducía outra rapaza, e isto escrito en 1872. Pareceume incríbel porque creo que pecamos moito de adanismo, de pensar que sempre estamos facendo o máis innovador cando de súpeto descobres que hai xente que xa nesa época creou todo un xénero novo e ademais desde esta perspectiva.   Entón daquela ocorréraseme traer a novela á actualidade. Quería escribir unha novela vampírica, que collese a esencia de Carmilla, pero que o fixese con outras armas que temos hoxe en día na escrita e que resultan moito máis atractivas para os lectores da actualidade.

—E ademais dirixida á adolescencia.
Claro. Eu pretendía manter algúns puntos esenciais da novela para que fose unha homenaxe. Con todo, a miña pregunta era que pasaría se hoxe sucedese isto? Aí entran situacións como a saúde mental. Se unha persoa ve mortos hoxe en día ou fai algo que se sae do normal, sen dúbida a nivel social vaise pensar que é unha persoa cun problema mental. Vivimos nunha sociedade que non admite o diferente, mais tampouco acepta que haxa outras verdades.

Na novela aparecen a amizade, o amor, o ser diferente, mais un dos conflitos fundamentais de Adeline é que os vampiros amosan a súa razón de ser e confróntana á dos humanos. Os humanos pensamos que a nosa sociedade e a nosa maneira de pensar é a boa e eles teñen a propia cos seus valores e a súa cultura. Persoalmente gústame xogar con esta idea do enfrontamento nas miñas novelas, incluso en Quokka Moka (Xerais), que é infantil. Gústame ver como se sente a persoa que le cando a pos diante da evidencia do diferente.

—Esa tamén é un pouco a esencia do xénero vampírico.
Efectivamente. O problema do vampírico é que crea filias e fobias. Para as fobias, eu tamén pretendía que a xente chegara sen agardar a clásica historia de vampirismo. Creo que Adeline vai un pouco máis aló. Situando a túa novela aceptando a existencia de moitos seres diferentes que non vemos ou que se ocultan, non só estás creando unha novela de vampiros. Estás creando unha novela na que toman forza outros elementos de discusión da túa propia realidade. Ese era o xogo, e tamén o desafío.

—Tendo tanta admiración pola historia de Sheridan Le Fanu, sentiu presión ou respecto ao enfrontarse a ese desafío?
En parte si. Quixen tomalo, non tanto como volver contar a historia, senón como contar unha historia inspirada nela. Adeline non é unha Carmilla actual, é unha historia propia, mais evidentemente hai moitos elementos da historia, algúns deles que eran esenciais e outros que quixen ampliar.

Por exemplo, esta vampira namora das persoas independentemente do xénero e da idade e ademais entende o amor como algo que debe ser aceptado pola outra persoa, mais o lector ten que decidir se cre esa versión ou se ve unha manipulación. A min sempre me interesa non dar todas as respostas, senón que quen remate de ler o libro poida ter ideas diferentes ás outras persoas que tamén o leron.

Comentarios