Contracultura

Marcos Gallego: "Moita xente non sabe que na ría de Pontevedra se cazaban baleas coincidindo coas festas"

Marcos Gallego (A Veiga, comarca de Valdeorras, 1958) é un dos organizadores de Mares da Fin do Mundo, un festival comprometido coa creación audiovisual, mais tamén co medio marítimo e o sector pesqueiro, e que se celebrará en Outes (comarca de Noia) até o 5 de novembro.
Marcos Gallego é operador de cámara e realizador audiovisual (Foto: Sam Ponsford).
photo_camera Marcos Gallego é operador de cámara e realizador audiovisual. (Foto: Sam Ponsford).

—Cales son as expectativas para esta sexta edición?
Temos un público fiel que acode todos os anos, mais o noso interese desde as dúas últimas edicións tamén está en que os grupos do territorio, tanto as asociacións de tipo social como as que teñen que ver co mar estean máis achegadas a nós e entendan mellor a misión da mostra. Buscamos un cambio de mentalidade sobre como debemos tratar o medio ambiente mariño.

Este ano temos dúas cousas importantes no que respecta ao cinema galego. Mañá, na sesión inaugural, estreamos Matria, que aínda non foi proxectada aquí. Por outra parte, entendemos que hai unha nova xeración de profesionais do mar que están facendo cinema da realidade, dalgunha maneira, a través das redes sociais. Quixemos contar con persoas que día a día transmiten cal é o seu traballo e que fan pola sustentabilidade do mar: Rogelio Santos Queiruga, Mercedes Silva e María Maceiras. Con elas, a mostra asina unha produción propia, Entre redes, que se proxectará esta quinta feira á tarde, tras a cal haberá un coloquio con eles tres. 

—Nesta ocasión hai tanto filmes como actividades que xiran arredor dos cetáceos e demais mamíferos mariños. 
Esta é unha mostra cunha identidade moi propia e ten dúas características: o xénero, que é sempre documental, e o tema, que é todo aquilo ligado ao medio ambiente mariño e á pesca artesanal. Todos os anos buscamos unha proposta transversal que estea capitaneada pola sección Proa.

Este ano tivemos en conta os novos avistamentos de mamíferos nas costas galegas que non coñecíamos desde practicamente 40 anos e cremos que podíamos armar unha boa proposta. Así, o obxectivo é reflexionar sobre como nos relacionamos os pobos costeiros con estes animais e que é o que pasou ao longo da historia. Había dous filmes que nos interesaban moito para esa sección de Proa que comentaba.

Por unha parte, Sabor a balea, do realizador francés Vincent Kelner, trasládanos ás Illas Feroe e á matanza de centos de baleas piloto que é vivida como unha tradición. A outra é A balea de Lorino, do director polaco Maciej Cuske, rodada en Siberia e que xira arredor do pobo Chukchi, quen caza baleas para o autoconsumo. Cadrou moi ben porque este ano tamén se publicou o libro de Francisco Xosé Fernández Naval, Ser cetáceo: o fascinante inverno do animal de fondo, que fai un percorrido sobre a historia destes animais vencellada á historia da Galiza e das súas costas. Cremos que é un tema moi interesante porque quizais hai moita xente que non sabe que até non hai moito na ría de Pontevedra se facía o mesmo que se fai nas Illas Feroe coincidindo coas festas.

—Alén das proxeccións, a mostra tamén conta cunha mesa de debate arredor da sustentabilidade. Como se relaciona isto co festival en si mesmo?
Estas mesas Proxecta son transversais aos festivais da Galiza, non as fan todos, mais si algúns dos que estamos vencellados a esta coordinadora. Nelas búscase tratar temas que estean de actualidade con respecto aos nosos festivais. Nós normalmente sempre tocamos temas que teñen que ver coa ruralidade, posto que o noso festival se desenvolve neste territorio. A misión principal da mostra ten que ver coa sustentabilidade.

O que propomos é unha mesa na que se fale sobre como debe ser a sustentabilidade desde o punto de vista dos nosos festivais de cinema, aínda que tamén está aberto a outro tipo de eventos ou mostras que se produzan no territorio costeiro rural. Para iso contamos con expertas na materia: Adela Lestón, mariscadora e presidenta da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros Noia; Antonio Rodríguez, responsábel de comunicación do festival; María Barqueiro, coordinadora do Pacto Cultura Sustentábel da Galiza; e Arancha Estévez, xornalista especializada en sustentabilidade. 

Comentarios