Manuel Sendón reflexiona sobre a cultura campesiña, a reciclaxe e a derrota do mundo

A Fundación Laxeiro exhibe a "historia" de tres espantallos relatada polas imaxes do fotógrafo
Manuel Sendón, este 11 de febreiro, diante dalgunhas das imaxes expostas na sede da Fundación Laxeiro, en Vigo. (Foto: Fundación Laxeiro)
Manuel Sendón, este 11 de febreiro, diante dalgunhas das imaxes expostas na sede da Fundación Laxeiro, en Vigo. (Foto: Fundación Laxeiro)

Xa hai case dúas décadas, o fotógrafo e fotohistoriador Manuel Sendón comezou a fotografar espantallos, uns bonecos que lle chamaban a atención pola intención estética que intuía nunhas construcións cun evidente destino utilitario. Entre o humano e o obxectual, entre o funcional e o artístico, aqueles seres antropomóficos denotaban unha actitude creativa incontestábel por parte dos seus facedores. E iso conectaba coa tradición da arte do século XX do ready-made, de Duchamp, dunha actividade que non deixa de ser outorgar novos usos e significados á realidade.

"O certo é que comecei a fotografalos en 2007 simplemente porque me parecían bonitos", explica Sendón a Nós Diario. "Pero co paso do tempo fun preguntándome polo sentido que tiña aquilo e axiña cheguei ao concepto de reciclaxe. Un día, paseando por Xenebra, vin unha lata vella pendurada dunha árbore que se reciclara para recoller o lixo, e inmediatamente asociei aquel acto co dunha sociedade avanzada que apostaba pola reutilización. Mais axiña me decatei de que iso é exactamente o que fai a sociedade rural galega, só que aquí adoita verse cun desprezo que nos leva a empregar o termo  despectivo feísmo".

Sendón revólvese contra este desdén por unha cultura que sabe optimizar os seus recursos –polo xeral escasos– e ve nela unha sabedoría que sinala camiños para as sociedades do futuro

"En realidade, todos vimos do mesmo sitio: como escribe Ferrín en Con pólvora e magnolias, todos levamos dentro a Europa campesiña. En nas culturas campesiñas non se tira nada".  

Historia de tres espantallos

Mais o simbolismo da exposición que Sendón inaugurou esta cuarta feira na Fundación Laxeiro de Vigo non se detén aí. O artista selecciona tres dos espantallos fotografados e preséntaos en tres series de imaxes realizadas desde 2012 até 2025, introducindo o factor temporal e, daquela, a narratividade.

"Publiquei o libro Espantallos en 2015 e, habitualmente, unha vez publicado o libro abandono o tema. Neste caso non ocorreu así, e seguín fotografando tres dos espantallos, seguindo as súas historias particulares".

O resultado son tres relatos que se converten nunha metáfora da evolución do agro galego: os espantallos caen, érguenos, a roupa desaparece, cámbianlla... Unha loita pola supervivencia ateigada de episodios de resistencia que se dirixen a un resultado incerto: a morte ou o rexurdimento.

"Interésame a capacidade de suxerir da fotografía e esta serie remite inmediatamente á situación agónica do campo. Mais, nestes tempos crueis tamén pode traer á mente a situación de milleiros de persoas que loitan en todo o mundo pola supervivencia en circunstancias terríbeis", conclúe. 

Comentarios