Manuel Rivas presentará “As voces baixas” o día da concentración de Nunca Máis na Coruña

Será na Coruña o día 16 de outubro. Esta é a data anunciada para o primeiro acto de lectura de “As voces baixas” o novo e agardado título de Manuel Rivas. A data coincide coa prevista para a gran concentración de Nunca Máis e o inicio do xuízo polo atentado do Prestige.
Manuel Rivas
photo_camera Manuel Rivas

O director de Xerais, Manuel Bragado, vén de facer público no seu blog o programa inicial da presentación do novo libro de Manuel Rivas, consistente nunha serie de actos de lectura que se iniciarán o día 16 na Coruña, xornada en que Nunca Máis ten previsto realizar na cidade unha gran concentración cidadá e día en que se inicia o xuízo polo atentado do Prestige. Dez anos despois, adivíñase a participación activa nas mobilizacións do escritor que tanto se comprometeu na denuncia e nas demandas de Nunca Máis.

“Estamos diante dunha obra moi singular, en que o humor e a dor, a memoria persoal e a colectiva se entremesturan con tremenda facilidade, dun xeito natural, grazas á fluidez dunha escrita intencionadamente moi literaria de beleza desbordada” explica Manuel Bragado no día despois de ter pechado co autor a edición do libro.

O propio Manuel Rivas adiantara fragmentos do novo libro no acto que protagonizou na Feira do libro da Coruña. Definira entón “As voces baixas” como “un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Situaba así a “boca da literatura” “na das persoas de mesteres humildes”.

Máis en CULTURA
Comentarios