'Malencolía' chega aos cinemas galegos

A sexta longametraxe de Alfonso Zarauza estréase mañá en 25 salas.
O novo filme de Zarauza recibiu dous Mestre Mateo correspondentes a Iolanda Muíños e Diego Anido como mellores actriz e actor de reparto. (Foto: Maruxiña Film Company).
photo_camera O novo filme de Zarauza recibiu dous Mestre Mateo correspondentes a Iolanda Muíños e Diego Anido como mellores actriz e actor de reparto. (Foto: Maruxiña Film Company).

Malencolía, a nova longametraxe do director compostelán Alfonso Zarauza, estréase a vindeira sexta feira en até 25 salas de toda a Galiza. Protagonizado por Melania Cruz e Xúlio Abonjo, o filme mestura terror e comedia para relatar a historia dunha parella que volta ao país após ter vivido durante varios anos en Berlín.

En declaracións a Nós Diario, Zarauza profundou nos detalles do filme así como na situación actual do cinema en galego. "Malencolía é un filme moito máis divertido do que a miña última longametraxe, Ons. Parte dunha idea que tiña de facer un filme en que o terror e a comedia tivesen un papel importante", manifesta. A respecto da acollida que Zarauza espera por parte do público, salienta que "esta é unha película moi amábel para o espectador, porque ten humor, unhas personaxes moi caracterizadas e até surrealistas que penso que serán do agrado do público". 

A importancia do cinema en galego

Acerca da importancia de que se leven a cabo obras cinematográfica en lingua galega, o director asevera que é "esencial" facer cinema en galego. "Para min é natural, porque o galego é a miña lingua e a do meu país e teño moi claro que é a única lingua en que me interesa traballar", afirma. 
"Debido á situación en que se encontra o noso idioma, revélase especialmente importante traspasar as nosas fronteiras así como incidir dentro delas. As xeracións novas e as non tan novas deben poder gozar de cinema en galego, algo que hai 20 ou 25 anos era impensábel", salienta Zarauza. 

"Hai un tempo, todos os filmes que se facían no noso país estaban dirixidos por xente de fóra  da Galiza e tiñan unha visión de nós ridiculizante, mofándose do noso acento e perpetrando estigmas que foron danando o noso amor propio. Por iso era importante retratarnos nós a nós propios, algo que xa acontecía na literatura mais non no cinema", engade. "Creo que segue a haber moitas cuestións que hai que mellorar, con todo, si que estamos mellor do que hai uns anos", destaca.

A axuda institucional

No tocante ás axudas públicas á cultura, Zarauza opina que "debe haber un apoio maior. É algo polo que temos que continuar a pelexar, deberíamos poder contar co apoio do noso goberno para darlle continuidade á cultura en galego, mais, polo visto, parece que non teñen demasiado interese".
"A cultura fai país, fai riqueza espiritual e mesmo riqueza material, xa que se eu tivese un orzamento maior para os meus filmes, podería pagar mellor a xente con que traballo nas rodaxes e podería xerar máis emprego", manifesta.

O futuro

En canto ao que pode deparar o futuro e os plans que o director ten para os seguintes proxectos, indica que vai "seguir loitando por facer cinema en galego, desde a Galiza, e con equipas de rodaxe integramente galegas que é o veño facendo os últimos anos". 
"A intención é seguir creando filmes cunha visión internacional para que sexan vistos en todo o mundo e contribuír a termos unha filmografía máis completa, diversa e extensa que poida crear interese por parte do público. É polo que levo pelexando desde que comecei a facer cinema e polo que seguirei pelexando sempre", conclúe Zarauza. 

Comentarios