Máis

Lugo presume do seu talento musical local co festival Muralleando

Nestas datas son moitas as cidades galegas que enchen as súas noites de música, fornecendo o tecido cultural da Galiza. No caso do Muralleando, en Lugo, a súa aposta baséase no local. Reclamando un espazo para as artistas lucenses e reivindicando as rúas para uso público nunha praza da Mosqueira que se consolida como escenario artístico da cidade.
nebra
photo_camera Nebra no seu concerto deste sábado no Muralleando. (Foto: Concello de Lugo)

Hai xa tres anos que, nun momento no que todos os festivais fechaban as súas portas, Lugo abría a súa muralla a través do Muralleando. Unha forma segura de devolver a vida ás rúas despois de meses de confinamento e, ao mesmo tempo, axudar a promocionar os grupos de música locais que nesa época vían o seu número de actuacións limitadas ao mínimo. Diso van xa catro edicións dun festival que conseguiu consolidarse no tempo mantendo a súa esencia e pondo en valor o patrimonio da cidade.

Todas as sextas feiras e os sábados, desde o 30 de xuño ao 2 de setembro e a partir das 20.30 horas, a emblemática praza da Mosqueira énchese de música para animar a cidadanía a ocupar as rúas e invitar os turistas a achegarse até a cidade. Unha actividade de balde que serve tamén para incentivar o comercio local e humanizar máis a contorna da muralla. Un interese por revalorizar este monumento, clasificado como Patrimonio da Humanidade, que se viu reforzado en 2022 a través do proceso de peonalización da rúa da Mosqueira. Maite Ferreiro, concelleira de cultura, turismo e normalización lingüística do concello de Lugo asegura en declaracións a Nós Diario que este festival naceu co obxectivo de "dar a oportunidade a grupos locais de amosar o seu traballo ao mesmo tempo que se lle daba visibilidade ao proxecto de recuperar espazo dos coches para desfrute da veciñanza.”

Espello da diversidade

A oferta musical do festival preséntase, en palabras da propia Ferreiro, "moi variada". Na configuración do cartaz tivéronse en conta cuestións como a diversidade de estilos, a paridade de xénero e mesmo o grao de consolidación dos grupos. Buscando tamén darlle espazo a bandas emerxentes e novas voces. Este é o caso de Verter Gz (22 de xullo) e Foolans, Beach Avenue e Jade4 (11 de agosto).Con isto o Muralleando pretende dignificar a profesión desde o local, permitíndolle ás artistas mesmo gravar as actuacións para promocionarse ou ter unha bagaxe nas presentacións en directo que lles sirva coma carta de presentación.

Desde o rap de Kali La Negra, até o rock de Filophóbicas e pasando pola música tradicional de Airiños da Freba, así como cunha grande oferta de grupos de versións e grupos tributo entre os que se inclúen Mr. Hataway, The Wireless, Holy Damn... O cartaz componse de 20 agrupacións musicais que serven como reflexo da realidade cultural de Lugo. Unha programación que busca pór a cidade da muralla nun espello para que os lugueses e as luguesas poidan coñecer e pór en valor a actividade cultural que se produce na súa cidade ao mesmo tempo que, como explican dende o Concello, o auxe de turistas que se achegan no verán teñan a posibilidade de coñecer novos grupos, facilitando así a súa promoción. Sempre co punto de mira no fortalecemento do tecido cultural lugués e no recoñecemento da veciñanza de presumir da súa oferte cultural. Pola praza da Mosqueira pasaranse tamén grupos como El último burro, Minton's jazz, Rachel and the blue batoons, Por mi swing, Madame Rachel, Perguizán, Caivanca ou De Lope. Jazz, swing, música de raíz ou mesturas da música tradicional que encherán de festa as noites da cidade.

A próxima fin de semana será a quenda da Banda Filharmónica e de Voces Violetas con Iria Estévez, mais xa está toda a programación dispoñíbel para consultar os vindeiros concertos que se enmarcan dentro deste festival. Ademais, o Muralleando complementa a súa actividade cos ciclos culturais Tarde e Tardiña e Versos na Barraca. Dúas iniciativas que terán lugar todas as quintas feiras tamén na praza da Mosqueira enchendo este lugar de música, teatro, poesía e narración oral.

As rúas como escenario

Na busca dun punto en común entre todas estas actividades culturais, non é difícil concluír que a praza da Mosqueira actúa como eixo central e punto de converxencia. 
Para Maite Ferreiro esta resulta unha contorna "especialmente representativa, pasando de ser un lugar polo que circulaban os coches a un espazo de actividades culturais”.

Un exemplo do modelo de cidade que o Goberno local busca construír e que se reforzou no mandato anterior, destaca, coa presentación do proxecto de peonalización do casco histórico. Se se manteñen os prazos, as obras deberían estar rematadas en 2024, gañando terreo para viandantes e transformando o 15% dos espazos que quedan sen peonalizar nesta zona.

Ademais, a nivel patrimonial existen tamén certas particularidades que converten a praza da Mosqueira nun lugar emblemático para a cidade. Precisamente por situarse como o espazo principal no que se localizan os restos da única torre da muralla de Lugo que conserva as súas fiestras orixinais. Tanto é así que a protección da integridade deste monumento foi unha das cuestións que se tiveron en conta nas obras de humanización desta zona. Comezando o proceso de eliminar o tráfico automobilístico da contorna da muralla ante a advertencia do Consello Internacional de Monumentos e Sitios de que as vibracións dos vehículos estaban a causar problemas estruturais. Esta transformación permitiu que a rolda da muralla potenciara os seus espazos verdes, buscando converterse nun lugar de reunión.

Así, Maite Ferreiro considera que o ciclo musical Muralleando resulta unha actividade “necesaria” na oferta cultural da cidade de Lugo, que permite dar a coñecer un lugar tan emblemático para o municipio como é a súa muralla romana. 
Do mesmo modo, a concelleira de Cultura remarca tamén a importancia do lugar no que se dan cita os espectáculos. Para Ferreiro a praza da Mosqueira configúrase como un espazo “moi agradábel no que se pode compartir a música e as familias poden desfrutar dos concertos mentres os seus nenos e nenas xogan” contando tamén con espazo para bailar.

A muralla, única no mundo que se conserva enteira, enmarca todos os concertos programados. Coas luces instaladas nas obras de reforma e procurando respectar unha contorna de tanto valor histórico, as artistas que estes dous próximos meses encherán de música as noites luguesas atopan nesta contorna un escenario perfecto para seguir compartindo a música neste Muralleando 2023.  

Comentarios