O vindeiro sábado 25 de febreiro

Loita Amada presentará o seu directo na Sala Capitol de Compostela

O grupo contará coa colaboración de grandes figuras da música galega como Tanxugueiras ou Mini Rivas.
Loita amada está composta por Pablo Carracedo, 'Jásper', e Nébeda Piñeiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Loita amada está composta por Pablo Carracedo, 'Jásper', e Nébeda Piñeiro. (Foto: Nós Diario)

O grupo Loita Amada -formado polo ex-cantante de Nao Jásper e a pandereteira Nébeda Piñeiro- presenta o seu traballo Viva a Loita Amada Revolucionaria! o próximo sábado día 25 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela. 

Loita Amada é un proxecto que fala de amor, loita, festa e poesía, grazas á fusión de múltiples estilos musicais que van dende a muiñeira até o vals, pasando pola xota ou o rock máis forte.

Xunto ao traballo de Jásper cómpre destacar a aportación de Nébeda, que rompe o rexistro tradicional, dotando de sentimento e fraxilidade un produto que emana una forza descomunal e que non deixará indiferente a ninguén. 

Despois de publicar o seu primeiro álbum xuntos o pasado mes de decembro, Jasper e Nébeda dan o pistoletazo de partida sobre os escenarios na sala referente do país. 

 

Tanxuguerias e Mini Rivas  

O concerto da Sala Capitol, que terá unha duración de case dúas horas, conta con grandes convidados e convidadas que axudan a Loita Amada a facer unha viaxe polos diversos mundos musicais nos que se moveron Jasper e Nébeda. 

No directo do 25 de febreiro estarán presentes as Tanxugueiras - Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío - que interpretan unha canción con Loita Amada e outro tema cunhas convidadas sorpresa.  

Outro gran símbolo da música galega que forma parte dos convidados do concerto será Mini Rivas, quen estará acompañado da gran voz da súa filla, Navia Rivas. Ademais, participarán no concerto da Sala Capitol os productores do disco, Lolo Arincón e Paco Montoto, de Xonix Records, Patty Castro, quen colaborou en diversas ocasións con Jasper, e a agrupación Lina e Lola, cun interludio de música tradicional. 

Loita Amada é un proxecto que nace das inquedanzas compositivas de Jasper. “Buscaba un proxecto onde darlle cabida a cancións que non encaixaban con Nao, onde poder ter esa liberdade compostiva e xogar con diversidade de estilos musicais”, explica o cantante. “Con Loita Amada podo romper os muros que impoñen dende fóra, pero tamén que auto me impoñía eu desde dentro”, destaca. 

Comentarios