Loita Amada celebra en Compostela a fin de xira do seu último traballo
Esta sexta feira, 17 de xaneiro, Loita Amada dará o último concerto da súa xira na sala Capitol de Santiago de Compostela. A banda contará para este último chanzo da turné de Rematou o simulacro con múltiples colaboracións: entre os artistas invitados estarán as Tanxugueiras, Hugo Guezeta, Xiana Lastra (A Banda da Loba) ou Álex Arnoso (Vimbio).
Pablo Carracedo, 'Jásper', actual vocalista de Loita Amada e antigo líder de NAO -cunha recoñecida traxectoria na que figuran proxectos como Xenreira ou Matraka Perversa-, celebra este fin de xira do seu álbum Rematou o simulacro, cun son cañeiro e envolvente para pechar o ciclo deste rexistro. Unha proposta que une o rock-punk máis explosivo co compromiso social.
Baixo a dirección do produtor vasco Kaki Arkarazo, o disco representa unha desviación marcada do anterior traballo e mergúllase nun son máis duro, no que as guitarras volven ruxir con gran protagonismo, con nove temas que abranguen diferentes estilos, desde o rock á música tradicional galega.
Novas sonoridades
Loita Amada é o froito dunha longa e exitosa traxectoria musical que aposta por revitalizar a canción protesta galega, levándoa a novos espazos e sonoridades. O proxecto reflicte a dualidade entre amor e loita.
Neste último concerto de xira, os músicos tocarán os temas máis emblemáticos da súa traxectoria musical e sacarán a relucir temas de NAO "pouco habituais nos concertos".
Presentándose no 2022 co álbum Viva a Loita Amada Revolucionaria, Loita Amada estableceu unha presenza significativa na escena musical galega. Rematou o simulacro supón agora unha exploración sonora profundamente reflexiva e enérxica.

