Cinema

'Lúa Vermella', de Lois Patiño, estréase na Berlinale

O cineasta Lois Patiño estrea a súa segunda longametraxe na sección Forum da prestixiona mostra de cinema de Berlín.
Fotograma de 'Lúa Vermella'
photo_camera Fotograma de 'Lúa Vermella'

O director Lois Patiño presenta a súa segunda longametraxe, Lúa Vermella, na 70 edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín (Berlinale), dentro da sección Forum. A mostra terá lugar de 20 de febreiro a 1 de marzo, na primeira visita do director e da produtora coruñesa Zeitun Films ao festival.

Lúa Vermella será unhas das 28 estreas mundiais que inclúe o programa do Forum. Este ano a tradición será "de particular importancia", declaran desde a organización, pois a sección independente, a cargo do Instituto Arsenal de Cinema e Videoarte, celebra o 50 aniversario.

Entre documental e ficción

O tránsito cara á ficción de Patiño conserva o aroma documental, que mantén a constante indagación na paisaxe que caracteriza a obra do realizador. O argumento de Lúa Vermella trasládanos a unha vila costeira na que o tempo se detivo. As habitantes fican paralizadas, mentres a natureza e os animais continúan en movemento. O son cotián do fluír da vida crea a sensación de estar nun "limbo cheo de espectros". Tres mulleres (Ana González, Carmen Martínez e Pilar Rodríguez), capaces de transitar entre dimensións, chegan na procura do Rubio, un experimentado mergullador desaparecido.

A segunda longametraxe de Patiño chega tras a celebrada opera prima Costa da Morte (2013), na que o director xa traballara con Zeitum, que neste caso une forzas coa produtora Amanita Studio. A rodaxe transcorreu entre a comarca de Lemos e a Costa da Morte. O filme, antes titulado Tempo Vertical, foi subvencionado pola Agadic. 

No 50 aniversario da sección Forum

A Berlinale do 2020 vén marcada por novas caras no comité de selección do Forum, con Cristina Nord á cabeza. A reflexión sobre o propio medio fílmico conforma o fío da escolma. El tango del viudo y su espejo deformante, de Raúl Ruiz e Valeria Sarmiento, abrirá unha sección na que Patiño partillará espazo con directoras como Clarissa Thieme, Radu Jude ou Jonathan Perel.

Comentarios