Contracultura

Lois Gil: "A poesía visual é unha das formas de creación artística utilizadas no artecorreísmo"

Lois Gil, docente de Filosofía, é o artista que se atopa detrás da mostra de poesía visual Saver exposta na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela até o 17 de maio.
Lois Gil, docente de Filosofía (Foto: Cedida).
photo_camera Lois Gil, docente de Filosofía (Foto: Cedida).

A mostra inclúe imaxes e versos nos chanzos da Facultade de Filosofía. Como chegou a deseñar esta exposición?
Hai anos eu xa tiña a intención de facer algo relacionado coa poesía visual e experimental neste espazo, mais por unha serie de circunstancias quedou todo aí. Despois, grazas ao interese dun antigo profesor da universidade, Nel Rodríguez Rial, comezou a organizarse isto e foi algo que me obrigou a pórme en movemento.

Foi un proceso complexo xa que xurdiron algúns problemas, por exemplo, en canto á forma da exposición. Nun inicio ía estar na entrada do edificio, mais non reunía as condicións expositivas axeitadas. Ademais, as condicións de seguridade tampouco permitían expor obra orixinal, polo que finalmente decidín facer unha exposición a partir de impresión dixital repartida polas catro plantas do edificio con 26 imaxes dun metro de alto e máis de 50 algo máis pequenas. En concreto, as escaleiras eran o único lugar onde había paredes diáfanas, polo que acabei por convertelas nunha sorte de espazo conceptual: a medida que vas subindo polas escaleiras vas tomando contacto con diferentes temáticas relacionadas cunha parte da filosofía, como a ética e a política. 

Na Facultade hai 95 chanzos e o azar fixo que eu tivese un poema autopublicado que ten o mesmo número de versos, que ao fin e ao cabo son lemas publicitarios, polo que os fun escribindo en cada chanzo. En definitiva, a intención era incorporar o propio espazo á mostra. 

Tamén hai unha pequena mención ao artecorreísmo. Como chegou a estas disciplinas?
Foi da man dun gran poeta experimental, Pedro Gonzálves, con quen tiven ese primeiro contacto coa poesía visual. Esta é unha das formas de creación artística utilizadas no artecorreísmo, utilizar o correo como vehículo de comunicación e de creación artística, polo que despois tamén entrei en contacto cunha rede mundial de artecorreístas cos que intercambiar gravados, debuxos, selos de artistas e demais. 

Finalmente, hai 25 anos, naceu a Corporación Semiótica Galega coa idea de facer algo na onda deste movemento: un proxecto descentralizado, sen autoría, sen intereses comerciais. Hai pouco fixen a doazón do arquivo da Corporación á Universidade de Castilla-La Mancha xa que ten o único museo de arte, correo e poesía visual, polo que non tiña moito que expor nesta mostra.

O decano animoume a utilizar algunhas pezas que tiña gardadas, sobre todo polo valor sentimental que teñen para min, para expoñelas nunha pequena urna que está no corredor da entrada. Esta é unha pequena visión que hai do artecorreo, porque daría para outra exposición á parte, mais curiosamente coincide coa mostra Sempre Máis que estará até o 21 de maio no Auditorio da Galiza (Santiago), na que se reúnen unha serie de iniciativas arredor do ecoloxismo, a protección do medio ambiente e a arte, entre elas, moitas mostras de arte correo. 

Son dúas coincidencias moi agradábeis para a Corporación Semiótica Galega, que ao final veñen como resultado da perseveranza de ir facendo día a día o que a un lle gusta até que alguén se interesa. 

Na inauguración tamén estivo acompañado polo Grupo de Acción Polipoética 'Ad Hoc'. Houbo unha boa acollida?
Viñeron bastantes persoas para ser unha sexta feira. A verdade é que sempre nos sae ben porque as nosas expectativas tampouco son moi altas e operamos moito desde a improvisación. Fixemos unha acción en dous actos, aínda que actualmente somos seis persoas e só podemos actuar catro. 

A nosa metodoloxía baséase moito en fecharnos nunha casa na aldea, eu levo unha maleta de libros e os meus compañeiros tocan sen un plan previo, para despois seleccionar e editar o que nos guste. Somos moi felices facendo isto sen ningún tipo de ambición. É unha cuestión case hedonista: desfrutar da compañía, da música e da poesía. Iso é o que intentamos facer. 

Comentarios