Un proxecto analiza como se contaron os feitos históricos do Reino da Galiza

A iniciativa conta cun portal web con moitos contidos.
Unha das obras analizadas. (Foto: Orestes Comunica)
photo_camera Unha das obras analizadas. (Foto: Orestes Comunica)

Persoal investigador sobre o medievo galego na Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto á empresa de comunicación Orestes Comunica, difunde en aberto unha análise de como se describiron os feitos dos últimos cinco séculos sobre a historia do Reino da Galiza.

Para isto, comparten en aberto unha análise, libro a libro, de como se contou a época na que o país tivo reis e raíñas. Co obxectivo de divulgar este coñecemento, o equipo de especialistas da USC e a compañía de comunicación e mercadotecnia Orestes Comunica, desenvolveron o proxecto Historia das historias do Reino da Galiza, que xa está publicado na rede. O portal historiadoreino.gal reúne así os escritos sobre o reino galego desde o século XVI.

O proxecto tamén inclúe actividades de divulgación e materiais didácticos de descarga gratuíta que poden ser utilizados polos centros educativos. No portal poden visualizarse ademais entrevistas con historiadores e historiadoras galegas que publicaron, nas últimas décadas, obras relacionadas coa historia do Reino da Galiza.

Para dar a coñecer a iniciativa, o día 14 decorrerá a presentación do portal web ás 13.30 horas por Zoom. Nela intervirán o profesor de Historia Medieval da USC, Israel Sanmartín, e os membros de Orestes Comunica Pancho Tristán e Darío Janeiro.

Este proxecto, que conta co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Reino da Galiza 2021-2021, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña, partiu do corpus de libros de historias da Galiza.

As obras organizáronse en catro períodos históricos: a etapa do Renacemento e a Ilustración; a etapa da institucionalización da Historia como disciplina científica; a etapa que vai desde a Restauración até o fin da ditadura franquista; e, finalmente, a etapa que comeza coa Transición e que chega até hoxe.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios